O BNG pide que o concello apoie a panadería e pastelería locais
David Carro: "Promover a creación dun selo ou marca identificativa propia, a realización de campañas promocionais ou organizar unha xornada de degustación, promoción e venta destes produtos en coordinación coas empresas locais axudará sen dúbida a potenciar un sector á alza e que esta creando moita riqueza e emprego en Bergondo"
Bergondo, 25 de setembro de 2024.- O BNG presentou unha iniciativa a debater no próximo pleno para que o concello apoie a promoción e posta en valor da panadería e repostería locais. “En Bergondo contamos cando menos 7 obradoiros de panadería e pastelería que pensamos que é necesario apoiar”, explicou o voceiro do BNG, David Carro.
"Promover a creación dun selo ou marca identificativa propia, a realización de campañas promocionais ou organizar unha xornada de degustación, promoción e venta destes produtos en coordinación coas empresas locais axudará sen dúbida a potenciar un sector á alza e que esta creando moita riqueza e emprego en Bergondo", indicou Carro no marco dunha visita realizada ao obradoiro da Panadería San Isidro Bakery, en compaña do deputado e a deputada provinciais Xosé Regueira e Avia Veira.
"San Isidro Bakery, con outros obradoiros locais, son unha mostra do bo facer e a posta en valor de produtos como o premiado panettone, que chegou a citas tan importantes no Estado como Madrid Fusión, ou as empanadas de "O Forno de Guísamo" ao Festival da Luz da man a área de promoción económica da Deputación, xestionada polo BNG. Deste xeito tamén promocionan e levan o nome de Bergondo alí onde van", expuxo Carro.
As responsábeis do establecemento, mostraron o sistema de elaboración dos diferentes produtos, como diversas variedades de pan, empanadas ou doces como o premiado panettone, a bica, ou a tradicional especialidade "Ruliña", ademais de avanzar futuras novidades xa encamiñadas, froito da innovación. Pola súa parte, dende o BNG expuxeron a proposta que se levará a pleno e mostraron o seu apoio a este importante sector.