Miguel Nogueira substitúe a Tania Golpe no grupo municipal de Bergondo
Miguel Nogueira: “asumo a responsabilidade co ánimo de traballar en positivo polo ben dos veciños e veciñas e facendo propostas para conseguir avances para o noso concello”
Bergondo, 16 de xullo de 2024.- Miguel Nogueira substitúe a Tania Golpe como concelleiro do BNG en Bergondo. Tania Golpe presentou a renuncia esta mañá por motivos persoais e de saúde que lle impiden desenvolver a súa labor coa plenitude e dedicación necesarias. Golpe agradeceu ao equipo que conforma o BNG e a toda a veciñanza o apoio e confianza depositada para representalos.
O portavoz municipal do BNG, David Carro, agradeceu a Tania Golpe a súa implicación no proxecto nacionalista para Bergondo, "no meu nome e no de todo o equipo agradecémoslle o traballo desenvolvido e a súa implicación e desexámoslle unha pronta recuperación. Trasladámoslle todo o noso apoio ", indicou Carro.
Miguel Nogueira, seguinte na candidatura do BNG, será o substituto de Golpe na Corporación municipal de Bergondo. Nogueira é un gran coñecedor de Bergondo que “asume a responsabilidade con ánimo de traballar en positivo polo ben dos veciños e veciñas e facendo propostas para conseguir avances para o noso concello”, explicou.