O BNG de Bergondo pide ao Goberno Local que cumpra os acordos plenarios sobre a celebración do “Ano Viqueira”

Desde o BNG reclamaron ao goberno local que presente unha proposta de actividades en relación coa celebración do “Ano Viqueira” o antes posíbel e que solicite xa a colaboración doutras administracións para recuperar a Quinta Cortón para uso público, así como información detallada e prazos para execución destes acordos

O BNG de Bergondo pide ao Goberno Local que cumpra os acordos plenarios sobre a celebración do “Ano Viqueira”

Bergondo, 22 de xullo de 2024.- O BNG de Bergondo pide ao Goberno Local que cumpra os acordos plenarios sobre a celebración do “Ano Viqueira” e a adquisición da Quinta Cortón. “O Pleno municipal aprobou tanto no 2022 como no 2023 diferentes propostas do BNG para buscar a colaboración doutras administracións na celebración do “Ano Viqueira” este 2024, no centenario do seu falecemento, e para intentar recuperar a que foi a súa residencia, a Quinta Cortón en Vixoi, para uso público”, explicou o voceiro do BNG de Bergondo, David Carro. 

"Mais, en resposta a unha iniciativa das deputadas do BNG Mercedes Queixas e Iria Taibo, a Xunta de Galiza indica que non tivo ningunha petición de colaboración por parte do Concello de Bergondo para unha posíbel adquisición para patrimonio público da Quinta Cortón nin para colaborar na programación de actos, actividades do "Ano Viqueira" declarado este 2024 a instancias do BNG”, engadiu o voceiro nacionalista. 

“Cónstanos que tampouco se pediu colaboración a Deputación da Coruña. Parece que unicamente se apoian as nosas propostas por quedar ben mais realmente non se cre nelas", indicou David Carro. “Porque o Goberno Local non cumpre os acordos plenarios na súa totalidade que inclúen solicitar a colaboración doutras administracións?", preguntouse Carro.

"Non parece de recibo apoiar propostas nas sesións plenarias para logo non cumprilas ou demorar a súa execución "por secula seculorum", aínda que non sería a primeira vez que o Goberno Local actúa así, vexase o caso dos aparcamentos en Guísamo, ou o estudo para a implantación do servizo de xantar na casa", expuxo o voceiro do BNG.

Desde o BNG reclamaron ao goberno local que presente unha proposta de actividades en relación coa celebración do “Ano Viqueira” o antes posíbel e que solicite xa a colaboración doutras administracións para recuperar a Quinta Cortón para uso público, así como información detallada e prazos para execución destes acordos. “Xa pasou máis da metade do ano e pensamos que o antes posíbel o goberno debera empezar a buscar colaboracións, escoitar propostas e chegar a acordos para a posta en valor da figura de Xoán Vicente Viqueira, como se comprometeu co BNG e a veciñanza”, concluíu. 

O BNG de Bergondo pide ao Goberno Local que cumpra os acordos plenarios sobre a celebración do “Ano Viqueira”