O BNG denuncia a falta de medidas nas beirarrúas de Gandarío
David Carro: “Transcorrida xa case a metade do verán, o Goberno Local, do PSOE-AV, non tomou ningunha medida de urxencia a respecto do perigoso estado no que se atopan as beirarrúas de Gandarío”
Bergondo, 9 de agosto de 2024.- O BNG insistiu en esixir medidas diante do problema de seguridade que supón a situación das beirarrúas en Gandarío, na estrada AC-162. “Transcorrida xa case a metade do verán, o Goberno Local, do PSOE-AV, non tomou ningunha medida de urxencia a respecto do perigoso estado no que se atopan as beirarrúas de Gandarío. Limitáronse a instalar algún sinal de obra na zona, que ten unha gran cantidade de tránsito peonil, máis aínda nesta época estival na que moita xente acode a praia, ou a mocidade dos albergues e pasan a diario por aquí para desprazarse”, explicou o portavoz do BNG David Carro.
“Estas beirarrúas non poden seguir no perigoso estado no que están, con fochancas e valos xa caídos. As persoas que transitan pola zona teñen que invadir a calzada para poder pasar, algo a todas luces inseguro, tanto para elas como para os vehículos", indicou Carro.
"O pasado novembro, desde o grupo municipal do BNG advertimos do estado destas beirarrúas, o tempo deunos a razón e pouco despois caeu unha parte, sen que se teñan tomado tan sequera medidas de urxencia para minimizar os efectos desta situación mentres non se leva a cabo unha renovación xeneral. O goberno local e a Xunta limitáronse a botar balóns fóra en lugar de resolver o problema", expuxo o voceiro do BNG.
"Lamentamos a inacción do Goberno Local a respecto deste tema, ao igual que moitos outros que non acaban de resolver. En lugar de facer oposición da oposición deberían centrarse en buscar solucións a problemáticas como esta, que afectan á vida diaria da veciñanza e das persoas que nos visitan", concluíu Carro.