O BNG insta ao Goberno Local a aclarar os horarios de apertura da área deportiva da Senra
David Carro: "Instamos ao Goberno Local a aclarar os horarios nos que está dispoñíbel a área deportiva da Senra agora e de aquí en adiante, así como que busque a fórmula necesaria para poder ter o espazo aberto o maior tempo posíbel para desfrute da veciñanza que quere practicar deporte"
Bergondo, a 20 de agosto de 2024. O BNG instou ao Goberno Local a aclarar os horarios nos que o público xeral pode acceder á nova área deportiva da Senra. "Nun primeiro momento, cando se inaugurou, indicouse que durante o verán o horario sería de luns a venres polas tardes e a fin de semana todo o día. Sen embargo, desde o BNG recibimos queixas da veciñanza, xa que en agosto só se pode acceder polas tardes de luns a venres", indicou o portavoz nacionalista David Carro.
"Ademais de non poder utilizar as instalacións nas horas máis aconsellábeis para a práctica de actividade física, tampouco se pode utilizar nas fins de semana, cando a xente ten máis tempo libre. Esta situación é incomprensíbel, xa que, para que queremos novas instalacións se a veciñanza non as pode desfrutar?", indicou Carro.
"Instamos ao Goberno Local a aclarar os horarios nos que está dispoñíbel a área deportiva da Senra agora e de aquí en adiante, así como que busque a fórmula necesaria para poder ter o espazo aberto o maior tempo posíbel para desfrute da veciñanza que quere practicar deporte", concluíu o voceiro do BNG.