O BNG pide un estudo de impacto conxunto das dúas subestacións autorizadas en Abegondo e as Liñas de alta tensión asociadas

Mercedes Queixas: “O boom eólico que se está a dar en Galiza nos últimos anos, con novos proxectos diarios en todos os puntos da nosa xeografía amosan a falta de planificación enerxética neste eido, dándose graves irregularidades tanto nos proxectos dos propios parques eólicos como en todo o que ten que ver coas infraestruturas de evacuación desta enerxía”

O BNG pide un estudo de impacto conxunto das dúas subestacións autorizadas en Abegondo e as Liñas de alta tensión asociadas

Abegondo, 13 de maio de 2026. O BNG pide un estudo de impacto conxunto dos proxectos das subestación de 220 kV e de 400 kV e as súas liñas de evacuación asociadas. “En xaneiro. de 2026 publicouse a autorización da Xunta de Galiza para a subestación de 220Kv no. concello de Abegondo, máis concretamente no lugar de Folgoso”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas. “Xa o 5 de novembro do pasado ano, o Estado publicaba a autorización para a subestación de 400 kV situada na mesma parcela no concello de Abegondo”, engadiu.

“O boom eólico que se está a dar en Galiza nos últimos anos, con novos proxectos diarios en todos os puntos da nosa xeografía amosan a falta de planificación enerxética neste eido, dándose graves irregularidades tanto nos proxectos dos propios parques eólicos como en todo o que ten que ver coas infraestruturas de evacuación desta enerxía”, criticou a deputada nacionalista.

As nacionalistas recalcan que esta falta de planificación provoca ademais indefensión na veciñanza afectada. No caso concreto da subestación de Abegondo, desde o ano 2017, en que se fixo pública a intención de Rede Eléctrica de construír unha nova subestación en Abegondo, este proxecto conta cunha importante oposición veciñal, así como das diferentes forzas políticas, do propio concello de Abegondo ou da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

“Sen embargo, esta subestación e as Liñas de Alta Tensión que van atravesar o territorio de Abegondo e doutros concellos da comarca das Mariñas non contaron sequera cun estudo de impacto ambiental conxunto que todas estas infraestruturas vai provocar”, afonda a deputada do BNG.

“Todos os grupos políticos con representación no Concello de Abegondo sumáronse ás reclamacións da veciñanza de Abegondo e do BNG e manifestaron a súa oposición á instalación desta infraestrutura que implicará un impacto enorme na zona, no patrimonio natural e cultural, así como na calidade de vida das persoas que habitan nos núcleos e aldeas próximos”, indicou Blan García Roel, portavoz do BNG de Abegondo.

Por todo isto, o BNG rexistrou no Parlamento unha nova iniciativa, a sumar á multiples xa rexistradas nos últimos anos en relación con este proxecto, para pedir que se anule esta autorización e se someta o conxunto deste proxecto a un estudo de impacto conxunto, como xa fixera no seu momento no Congreso a través do deputado nacionalista, Néstor Rego.

Resposta do goberno do PSOE á iniciativa do BNG

O goberno do PSOE negouse a solicitar un estudo conxunto na súa resposta á iniciativa presentada polo BNG despois da autorización da subestación de 400 kV. “O goberno do estado négase a facer un estudo conxunto do impacto destas dúas subestacións e de todas as liñas que van atravesar o concello e a comarca das Mariñas.  Desde o BNG seguiremos esixindo que se teñan en conta as alegacións da veciñanza afectada que o PSOE no propio pleno de Abegondo respaldou”, explicou o deputado do BNG, Néstor Rego.

O BNG pide un estudo de impacto conxunto das dúas subestacións autorizadas en Abegondo e as Liñas de alta tensión asociadas