O BNG leva ao Parlamento a mellora da seguridade no “cruzamento do París” en Oza dos Ríos

Mercedes Queixas: “Estamos ante un cruzamento cunha visibilidade reducida e cunha sinistralidade maior en comparación con outras vías do municipio, polo que é importante actuar con axilidade para garantir a seguridade viaria”

O BNG leva ao Parlamento a mellora da seguridade no “cruzamento do París” en Oza dos Ríos

Oza Cesuras, 11 de maio de 2026. O BNG vén de rexistrar unha iniciativa parlamentar para reclamar da Xunta de Galiza actuacións dirixidas a mellorar a seguridade viaria no coñecido como “Cruce do París”, na intersección da AC-840 coa CP-0160 e a estrada da estación, un punto negro de tráfico no concello de Oza Cesuras.

A deputada do BNG, Mercedes Queixas, alerta de que “estamos ante un cruzamento cunha visibilidade reducida e cunha sinistralidade maior en comparación con outras vías do municipio, polo que é importante actuar con axilidade para garantir a seguridade viaria”.

Pola súa parte, a portavoz municipal do BNG de Oza Cesuras, Estefanía Busto, subliña que “a veciñanza leva anos denunciando esta situación e xa se produciron varios accidentes, polo que non se pode seguir mirando para outro lado”. A nacionalista lembra que o Pleno municipal aprobou unha moción do BNG para abordar este problema entre as administracións involucradas, polo que insiste en que “é necesaria a implicación da Xunta de Galiza e da Deputación da Coruña, xa que son titulares en parte das vías afectadas”.

Desde o BNG reclaman unha actuación coordinada entre administracións que permita mellorar a visibilidade e a seguridade neste punto, especialmente tendo en conta a proximidade ao centro de saúde e o tránsito habitual de vehículos e peóns.

O BNG leva ao Parlamento a mellora da seguridade no “cruzamento do París” en Oza dos Ríos