O BNG non apoia o orzamento de Bergondo para 2025

Miguel Nogueira: “Bergondo ten oito millóns de remanente, desde o BNG pensamos quen non é unha boa xestión cando hai necesidades importantes sen cubrir”

O BNG non apoia o orzamento de Bergondo para 2025

Bergondo, 3 de decembro de 2024.- BNG non apoiou o orzamento municipal para 2025 presentado polo Goberno Local no último pleno. “O documento non recolle solucións para as necesidades reais de Bergondo nin tampouco tiveron en conta as achegas trasladadas polo noso grupo. Ademais, o modelo de participación veciñal que se repite cada ano vese que non funciona mais tampouco fan ningún cambio para melloralo", indicou o concelleiro nacionalista Miguel Nogueira.

"Nos últimos anos démoslles un voto de confianza, pero vemos que non hai ningún cambio, por iso o que cambia é o noso voto. Discrepamos dun modelo que non fai que Bergondo avance”, engadiu o concelleiro nacionalista. “Ademais, o importante das contas e executalas. Bergondo ten oito millóns de remanente, desde o BNG pensamos quen non é unha boa xestión cando hai necesidades importantes sen cubrir, como por exemplo, unha parroquia enteira como Lubre, sen un servizo tan básico como o saneamento ou unha importante carencia en instalacións deportivas, ou sociais como centro de día, ou servizos como o xantar na casa", expuxo Nogueira.

"Poderíamos deixar de cobrar impostos a veciñanza no 2025, o remanente acumulado case suma tanto como o orzamento dun ano, ironizou o voceiro do BNG.


Mercado de Horta

O pleno do pasado mércores aprobou por unanimidade a proposta do BNG, cunha emenda do Goberno Local, para estudar o cambio do mercado de horta que se realiza actualmente por unha feira que inclúa maior variedade de produtos como calzado, roupa ou embutidos, en colaboración cos vendedores e vendedoras ambulantes. "O mercado de horta nunca chegou a consolidarse, mais, de contar cunha media de cinco postos, actualmente leva moito tempo onde soamente hai un; iso é obvio que non é un mercado", indicou o concelleiro do BNG.

"A transformación deste mercado nunha feira, ben organizada, onde se poidan mercar produtos máis variados e escollendo unhas datas axeitadas, pode axudar a dinamizar a zona e ser beneficioso para vendedores e tamén para o comercio e a hostalaría locais", concluíu Nogueira.

O BNG non apoia o orzamento de Bergondo para 2025