O BNG de Bergondo avanzou a súa abstención para os orzamentos municipais de 2021
Valoramos positivamente que se reserve orzamento para algunhas das achegas que fixemos, como as obras nos vestiarios da polideportiva de Lubre, ou unha nova edición de axudas a autónomos e pemes
A proposta do goberno local reserva 14 000 euros para publicidade e propaganda e outros 8 5000 para atención protocolarias, que desde o BNG pensamos que son gastos abertamente prescindíbeis
Bergondo, 28 de febreiro de 2021. O BNG de Bergondo avanzou a súa abstención para os orzamentos municipais de 2021, que se debaterá no Pleno o vindeiro martes. "Valoramos positivamente que se reserve orzamento para algunhas das achegas que fixemos, como as obras nos vestiarios da polideportiva de Lubre, ou unha nova edición de axudas a autónomos e pemes" indicou o portavoz nacionalista David Carro.
Sen embargo, dende o BNG non consideraron estas suficientes para que o documento poida contar co voto afirmativo. “Outras partidas que nos parecen importantes non contan con crédito, como obras de emerxencia para minimizar os anegamentos no polígono industrial”, engadiu.
“A proposta do goberno local reserva 14 000 euros para publicidade e propaganda e outros 8 5000 para atención protocolarias, que desde o BNG pensamos que son gastos abertamente prescindíbeis e que o goberno ten que reducir á mínima expresión para investir este orzamento noutros programas como fomento do emprego, que segue mantendo a escasa contía de anos anteriores”, expuxo Carro.
"Tampouco se prevé a modificación da ordenanza de saneamento para que a veciñanza pague o mesmo polo enganche" concluíu o voceiro do BNG. O BNG tamén instara ao Goberno Local a investir o máximo posible do remanente para obras e servizos necesarios, toda vez que as últimas modificacións das leis o permiten con maior facilidade, para así axudar a manter o emprego.
Subvencións nominativas
Desde o BNG insistiron na necesidade a tender a reducir as subvencións nominativas que neste orzamento son máis de 127 000 euros, adxudicados “a dedo” e mellorar as bases de subvencións a entidades, incrementando a contía e simplificando o sistema de baremo para garantir que todas as entidades teñen as mesmas oportunidades á hora de optar a subvencións públicas”, concluíu o portavoz nacionalista.