O BNG TRASLADOU ESTA PROBLEMÁTICA AO PLENO NO PASADO MES DE SETEMBRO
O BNG insta ao Goberno Local a tomar medidas urxentes para dar solución ao problema de inundacións que se producen no polígono industrial
"Unha vez máis ponse de manifesto a necesidade perentoria da do saneamento con separación de fecais e pluviais, da renovación paulatina de servizos, nun polígono con tres décadas de antigüidade"
Bergondo, a 5 de outubro de 2020. O BNG insta ao Goberno Local a tomar medidas urxentes encamiñadas a dar solución ao problema de inundacións que se producen no polígono industrial. Logo da inundación producida a pasada fin de semana, a sexta en tres meses o portavoz do BNG, David Carro, lembrou que "as empresas situadas na zona industrial, motor económico do concello e de gran importancia na comarca, non poden estar en vilo cada vez que chove”. “Se durante os últimos meses se deron até 6 casos, que sucederá cando esteamos en pleno inverno?" preguntouse Carro.
O BNG trasladou esta problemática ao Pleno no pasado mes de setembro, mais o goberno local deu como única solución máis inmediata a limpeza a fondo do colector, que segundo o portavoz nacionalista “non parece que poida ser a solución a un problema desta importancia”.
"Unha vez máis ponse de manifesto a necesidade perentoria da do saneamento con separación de fecais e pluviais, da renovación paulatina de servizos, nun polígono con tres décadas de antigüidade" indicou o voceiro do BNG. "O Goberno Local debe dar o paso, e coa unión de toda a Corporación e as asociacións empresariais buscar os apoios precisos doutras administracións, e comprometer unha partida municipal para solucionar esta problemática", concluíu Carro.