O BNG propón unha reordenación de espazos na estrada provincial DP-0105 ao seu paso por Cortiñán
Solicitamos que un tramo de arredor de 500 m sexa de sentido único, para poder anchear as beirarrúas e gañar espazo para aparcamento, que na actualidade resulta moi escaso para dar servizo a veciñanza e aos locais comerciais da zona.
Poderíase tamén instalar unha parada para o autobús escolar en condicións que actualmente ten que parar na estrada
Bergondo, 29 de xaneiro de 2021. O BNG ven de rexistrar unha proposta para que o Concello inste a Deputación a levar a cabo unha reordenación de espazos na estrada provincial DP-0105 ao seu paso pola parroquia de Cortiñán. “Máis concretamente dende o comezo da estrada provincial no cruce coa N-VI até aproximadamente a ponte da vía do tren. Trátase dunha zona que conta con bastante tráfico, sobre todo de moitos camións que van ao polígono industrial de Piadela”, explicou David Carro, portavoz do BNG de Bergondo.
"Solicitamos que este tramo, de arredor de 500 m, sexa de sentido único, para poder así anchear as beirarrúas e gañar espazo para aparcamento, que na actualidade resulta moi escaso para dar servizo a veciñanza e aos locais comerciais da zona. Poderíase tamén instalar unha parada para o autobús escolar en condicións, mentres que na actualidade ten que parar directamente na estrada, o que xa provocou varios sustos pola falta de visibilidade" indicou o portavoz nacionalista.
“Deste xeito, os vehículos que quixeran circular no sentido que se suprime, poderían incorporarse a N-VI pola estrada contigua ao hotel, podendo xirar tanto en sentido Betanzos, como en sentido A Coruña, polo que non se verían prexudicados, e a zona gañaría moito en seguridade" concluíu Carro.