Solicitamos que se modifique a nova sinalización na estrada N-VI en Raxás e Cortiñán
Os nacionalistas pediron ao concello que leve a cabo as xestións precisas ante o organismo encargado desta estrada, de titularidade do Estado, para que lle dean solución o antes posible
Bergondo, 15 de xullo de 2020. O BNG solicitou que se modifique a nova sinalización na estrada N-VI en Raxás e Cortiñán, que provocou queixas da veciñanza. “A veciñanza de Raxás e Cortiñán tenos trasladado o seu malestar pola nova sinalización viaria que veñen de pintar na estrada Nacional N-VI logo do seu reasfaltado e que na práctica impídelles poder entrar e saír das súas vivendas ao ser esta unha liña continua. Así mesmo, tamén se atopan afectados varios negocios da mencionada zona”, explicou o portavoz do BNG David Carro.
“As persoas afectadas reclaman unha sinxela solución, que sería facer descontinua a liña nas entradas as súas vivendas e negocios, algo que non entenden como non se fixo dende o comezo”, engadiu o portavoz do BNG.
Os nacionalistas pediron ao concello que leve a cabo as xestións precisas ante o organismo encargado desta estrada, de titularidade do Estado, para que lle dean solución o antes posible, xa que a veciñanza, na actualidade, é susceptible de ser multada polo simple feito de acceder a súa vivenda ou negocio.