Solicitamos ao Ministerio as melloras pendentes na nacional VI en Cortiñán
O BNG de Bergondo reuniuse cun grupo de veciñas e veciños que levan reclamando anos melloras de seguridade viaria neste concello “se o ministerio de fomento actuase a Institución provincial e o goberno local poderían facer melloras nun vial provincial para mellorar a seguridade da zona”. As actuacións entre outras permitirían importantes melloras de seguridade tamén nos viais da Deputación da Coruña na estrada DP 0105
Bergondo, 22 de decembro de 2017. O BNG de Bergondo reuniuse cun grupo de veciñas e veciños que levan reclamando anos melloras de seguridade viaria neste concello “se o ministerio de fomento actuase a Institución provincial e o goberno local poderían facer melloras nun vial provincial para mellorar a seguridade da zona”.
A xente que vive na zona leva anos reclamando que na estrada provincial DP 0105 a altura da N-VI se faga ese vial de sentido único desde o cruce até a Ponte da Vía do tren “a Deputación díxonos que non había problema mais que o ministerio tiña que actuar para que o cruce coa nacional sendo de sentido único poida ser seguro. É só un tramo de 500 metros mais permitiría unha seguridade moi importante” indicou o responsábel do BNG de Bergondo David Carro.
As persoas residentes nesta zona explicáronlle a David Carro que a situación é bastante preocupante e que xa ten habido algún susto xa que o bus ten que parar no medio da estrada o que provoca problemas de visibilidade no momento de subir e baixar no bus, lembrou Carro que nesa parada tamén se suben e baixan estudantes xa que é parada do bus escolar.
Por outro lado por esta estrada provincial circulan moitos camións de grande tonelaxe que van até o polígono industrial o que provoca aínda máis problemas de seguridade, “hai que actuar urxentemente e por unha zona de parada de bus en condicións que permita tamén abrigarse da choiva “ é unha situación doutra época e non é xusto”.
Non só se debería facer unha zona de sentido único senón que coa actuación que veciñas e veciños propoñen podería tamén facerse unha zona de aparcamento para as persoas residentes o que tamén aumentaría a seguridade “ hai outra estrada que está en perfecto estado que podería ser utilizada sen ocasionar tantos problemas” propuxo David Carro
“Nestes días recolleremos sinaturas e voltaremos enviarllas ao Ministerio a reclamación. Imos pedir o apoio do Concello e da Deputación e o seu compromiso de actuar tamén para mellorar a contorna o antes posíbel , canta máis forza fagamos mellor xa que se trata dunha actuación necesaria e moi urxente”