O BNG anuncia o seu voto en contra ao orzamento de Abegondo para o presente ano 2025

Blan García Roel: “O goberno local é incapaz de executar as súas propias previsións orzamentarias. Acumula máis de 2,1M de euros de remanente líquido de tesourería para gastos xerais. Isto supón aproximadamente un 30% do orzamento proposto para 2025. O Concello ten a capacidade económica -superávit- mais non atende as propostas da veciñanza ou do BNG para mellorar o seu día a día”
Abegondo, 11 de marzo de 2025. O BNG anunciou que votará en contra e presentará alegacións á proposta de orzamento municipal para este ano 2025 que se debaterá o vindeiro xoves nun pleno extraordinario. “Trátase dun orzamento continuísta, moi similar ao do ano anterior. É o orzamento dun goberno sen proxecto que non atende ás necesidades máis básicas da veciñanza, como saneamento, abastecemento de auga ou seguridade viaria”, explicou o portavoz do BNG de Abegondo, Blan García Roel.
“O goberno local é incapaz de executar as súas propias previsións orzamentarias. e acumula máis de 2,1 millóns de euros de remanente líquido de tesourería para gastos xerais. Isto supón aproximadamente un 30% do orzamento proposto para 2025”, criticou o voceiro nacioanlista. “Non ten capacidade para executar o gasto, mentres a veciñanza sofre atrasos para poder desfrutar de obras e servizos, por exemplo, a execución de paviementacións e obras de seguridade viaria comprometidas desde hai anos ou directamente non pode optar a elas. O Concello ten a capacidade económica mais non atende as propostas da veciñanza ou do BNG para mellorar o seu día a día”, engadiu.
“Ademais esta proposta de orzamento mantén o modelo de subvencións a dedo -112.000 dos 168.000€ totais mentres que só o 37% é en concorrencia competitiva- sen un plan de subvencións como esixe a lei. Un modelo que desde o BNG non compartimos porque pensamos que todas as asociacións e clubs deportivos teñen que ter as mesmas oportunidades de optar aos cartos públicos”, indicou García Roel.
“O goberno do PP é un goberno de “fachada” que non pode executa as partidas de gastos mais segue apostando pola publicidade e autobombo ao manter partidas similares ás do ano pasado para atencións protocolarias (17.800€) e publicidade e propaganda (31.300€), dos que máis do 70% é para os órganos de goberno (23.000€)”, concluíu o portavoz do BNG, quen anunciou alegacións a este orzamento para que se inclúan partidas para algunhas das propostas do BNG no pleno como un plan integral de mellora viaria en Cullergondo e Xuanzo ou as axudas para a instalacións de paneis solares”, concluíu o voceiro nacionalista.