O BNG presentou alegacións á nova numeración dixital do concello de Abegondo, debido ás numerosas queixas veciñais

Blan García Roel: “Pedimos que se teñan en conta as características reais e histórico xeográficas do Concello de Abegondo, e que se conte cos veciños e veciñas para poder deseñar un proxecto de numeración dixital más acaído co que somos e con onde habitamos”

O BNG presentou alegacións á nova numeración dixital do concello de Abegondo, debido ás numerosas queixas veciñais

Abegondo, 23 de xullo de 2024.- O BNG presentou alegacións á nova numeración dixital do concello de Abegondo, debido ás numerosas queixas veciñais. “A proposta de numeración dixital que o concello ten a exposición pública na súa web ten abondosos erros xa que non atende a criterios históricos, demográficos, culturais ou lingüísticos e non se escoitou á veciñanza afectada para a súa elaboración”, explicou o portavoz do BNG de Abegondo, Blan García Roel. “A veciñanza está fondamente preocupada polas consecuencias administrativas que este plan de numeración dixital poida traer se non se corrixen todos estes erros”, engadiu. 

“O nome das entidades de poboación ofrecidos na web do concello neste plan de numeración dixital non se corresponden cos que aparecen no punto 2.14.2 “Estrutura Parroquial” do PXOM, por exemplo o núcleo do Cadaval en Abegondo, o do Igrexario na parroquia de Cabanas ou o de Chopín en Cerneda, entre outros casos nas diferentes parroquias do concello”, indicou o voceiro nacionalista. “Redúcense as entidades poboación e hai un continuo baile de casas dunha entidade de poboación a que se pertenceu de sempre para outra que ve como se estende o seu territorio en detrimento da anterior ou intercambianse rueiros como acontece en Montouto, sitúan o Franco onde sempre estivo o Couto e este último pasa a ocupar o territorio do Franco”, engadiu. 

Por todo isto, desde o BNG solicitaron ao concello de Abegondo que articule un sistema para recoller as achegas da veciñanza e corrixa os abondosos erros que ten esta proposta. “Pedimos que se teñan en conta as características reais e histórico xeográficas do Concello de Abegondo, e que se conte cos veciños e veciñas para poder deseñar un proxecto de numeración dixital más acaído co que somos e con onde habitamos”, concluíu García Roel. 

O BNG presentou alegacións á nova numeración dixital do concello de Abegondo, debido ás numerosas queixas veciñais