O BNG pedirá no pleno que se aprobe unha ordenanza para dinamizar e regular os usos dos locais sociais municipais

Blan García Roel: “Unha ordenanza que regule os usos e cesións dos locais axudaría a dinamizar a vida social e cultural nas parroquias, se isto vai acompañado dun bo deseño da actividades, en colaboración cos movementos sociais e veciñais”

O BNG pedirá no pleno que se aprobe unha ordenanza para dinamizar e regular os usos dos locais sociais municipais

Abegondo, 19 de xaneiro de 2024.- O BNG pedirá no pleno que se aprobe unha ordenanza para dinamizar e regular os usos dos locais sociais municipais. “O concello ten locais socias municipais na maioría das 19 parroquias de Abegondo, aínda que non sempre están dispoñíbeis para os usos diarios da veciñanza e presentan certas deficiencias que deberían ser tidas en conta polo equipo de goberno local”, explicou o voceiro do BNG, Blan García Roel. 

“A veciñanza que fai uso destes locais, amosa a súa molestia polas barreiras arquitectónicas que algúns locais teñen  así como pola pouca actividade que se realiza neles ou mesmo polas dificultades para acceder a eles aínda que non teñan actividades programadas”, engadiu o porta-voz nacionalista. “Tamén son constantes as queixas polo seu estado de conservación e de limpeza así como polo limitado dos horarios de apertura, por iso pedimos ao goberno local que aprobe unha ordenanza para regular os seus usos e cesións”, informou.

“Unha ordenanza que regule os usos e cesións dos locais axudaría a dinamizar a vida social e cultural nas parroquias, se isto vai acompañado dun bo deseño da actividades, en colaboración cos movementos sociais e veciñais. De igual xeito poderiamos estender as actividades culturais, que actualmente se veñen deseñando sobre todo nas zonas máis urbanas ao resto de aldeas e parroquias”, concluíu. 

Desde o BNG pediron tamén que se desenvolva un programa de mellora destas infraestruturas, non que se recollan o mantemento e a limpeza das instalacións, a eliminación das barreiras arquitectónicas e a instalación de elementos para a eficiencia enerxética dos locais (placas solares e cargadores eléctricos para uso da veciñanza).

Democratización do xornal “Agora Abegondo”

O Concello de Abegondo publica periodicamente un xornal onde publicita as diferentes obras e servizos do concello. Desde o BNG piden que se habilite nesta publicación espazo para as distintas voces que conforman o Concello de Abegondo (asociacións, movementos sociais, movementos culturais, grupos políticos, ANPAS, asociacións deportivas...).

O BNG pedirá no pleno que se aprobe unha ordenanza para dinamizar e regular os usos dos locais sociais municipais