O BNG pediu ao goberno local que facilite á veciñanza presentar alegacións contra a subestación
Blan García Roel: “alén das alegacións que o propio concello está a preparar realice outras alegacións tipo onde a veciñanza só tivese que cumprimentar os seus datos persoais e facilitar que a voz de Abegondo sexa escoitada máis lonxe”.
Abegondo, 25 de setembro de 2023.- O BNG pediu ao goberno local que facilite á veciñanza presentar alegacións contra a subestación de Folgoso. Este proxecto consiste nunha subestación de 400 kv que está tramitando o goberno estatal xunto con outra subestación 220 kv, pegada á anterior que tramita a Xunta de Galiza máis unha liña de conexión aérea de transporte de enerxía eléctrica de duplo circuíto 400 kv (LAT DC 400kv) de entrada e saída na nova subestación da liña Mesón do Vento – As Pontes e que tramita tamén o goberno do Estado.
“Pedimos que, alén das alegacións que o propio concello está a preparar realice outras alegacións tipo, inspiradas nas que xa está redactando que se repartirían entre a veciñanza. Unhas alegacións onde a veciñanza só tivese que cumprimentar os seus datos persoais e facilitar que a voz de Abegondo sexa escoitada máis lonxe”, explicou o voceiro do BNG de Abegondo, Blan García Roel.
O BNG xa anunciará no seu momento que rexistrará as súas propias alegacións a estes proxectos a maiores das que presente o propio concello. “O BNG ten claro o seus obxectivo e neste caso é ir ao carón das veciñas e veciños, é sermos a súa voz alí a onde poidamos chegar, é apoiar todo movemento social que xurda como resposta a esta Subestación ou en defensa do territorio de Abegondo”, concluíu o voceiro nacionalista.