O BNG pediu ao goberno local que informe á veciñanza sobre o proxecto da subestación
Blan G. Roel: “Solicitamos ao goberno local que inicie charlas informativas en diferentes puntos do Concello para informar á veciñanza e faga público na páxina web do Concello o proxecto de Rede Eléctrica Española para que a veciñanza poida consultalo”.
Abegondo, 15 de marzo de 2023.- O BNG pediu ao goberno local que informe á veciñanza sobre o proxecto da subestación. “Despois de que o pasado 15 de febreiro o goberno da Xunta respondera a unha pregunta da deputada do BNG, Mercedes Queixas, que Red Eléctrica viña de rexistrar un novo proxecto para esta subestación en Folgoso, non tivemos máis información sobre o proxecto nin a súa afectación”, explicou o portavoz e candidato á alcaldía de Abegondo, Blan G. Roel.
“Por iso, solicitamos ao goberno local que inicie charlas informativas en diferentes puntos do Concello, sobre todo nas máis afectadas, para informar á veciñanza e faga público na páxina web do Concello o proxecto de Rede Eléctrica Española para que a veciñanza poida consultalo”, engadiu o candidato nacionalista.
Desde o BNG esixiron ademais que o concello presente alegacións a este proxecto e que elabore unhas alegacións tipo para facilitar á veciñanza que queira presentalas. “O goberno local non pode quedarse en declaracións baleiras nos medios de comunicación se non que ten que asesorar ás veciñas e veciños e informar con total transparencia”, indicou Blan G. Roel.
“O goberno negou durante anos a existencia deste proxecto e mesmo intentou culpabilizar ao BNG por esixir a información ao Ministerio e á Xunta sobre a subestación e as liñas de alta tensión que van afectar á nosa veciñanza. Agora parece que non pode seguir negando a existencia deste proxecto, agora posicionase en contra publicamente pero non informa nin colabora en nada coa veciñanza afectada, nin coas plataformas da nosa comarca en defensa do territorio”, concluíu o candidato do BNG.