O BNG pediu ao goberno local que solucione as deficiencias que presenta o local social de Montouto antes das eleccións
Desde o BNG trasladaron tamén outras demandas da veciñanza de Montouto como un parque infantil ou a necesidade de amañar as fochancas e verquidos de augas pluviais no terreo de diante da igrexa.
Blan G. Roel: “Desde o goberno municipal, despois de maio, revisaremos a actividade sociocultural de Abegondo para encher de actividade estes espazos públicos que permanecen pechados a maior parte do ano pola desidia do alcalde”
Abegondo, 21 de marzo de 2023.- O BNG pediu ao goberno local que solucione as deficiencias que presenta o local social de Montouto antes das eleccións do vindeiro mes de maio. “Veciñas e veciños de Montouto trasladáronnos as graves deficiencias que presenta o centro social desta parroquia que non dispón de auga corrente, co cal tamén quedan inutilizados os baños dos que dispón”, explicou o candidato do BNG á alcaldía, Blan G. Roel. “Por iso, pedimos ao goberno local que solucione o antes posíbel estes problemas de abastecemento de auga”, engadiu.
Desde o BNG manifestaron tamén que farán unha avaliación seria das necesidades que teñen os diferentes locais sociais do Concello para proceder, despois de se constituír o próximo goberno de Abegondo, a un mantemento e conservación adecuado e continuado no tempo. “Tamén vemos necesario repensar a actividade sociocultural de Abegondo para encher de actividade estes espazos públicos que permanecen pechados a maior parte do ano pola desidia do alcalde”, explicou Blan G. Roel.
“Ademais, desde o BNG, diante das diversas peticións que lle ten feito a veciñanza de Montouto como un parque infantil ou unha cociña no baixo do centro social, comprometemos esas iniciativas desde o novo goberno municipal”, indicou o candidato nacionalista. O nacionalista explicou que tamén sería bo valorar construír un circuíto biosaudábel “para que as persoas adultas poidan exercitarse despois do paseo diario”.
O candidato do BNG trasladou tamén que o novo goberno local solucionará coa maior celeridade posíbel o problema de fochancas e de verquidos de pluviais que hai no terreo que se sitúa diante da igrexa de Montouto, preto do Local Social.