O BNG pediu que se restableza a parada de autobús de Montouto na liña de bus a Betanzos
“Segundo denuncian as persoas usuarias dende hai uns meses modificáronse as paradas, deixando de parar no Empalme para pasar a facelo nas Nogueiras na zona baixa de Montouto. Isto está obrigando a moitas usuarias e usuarios a ter que andar quilómetro e medio mesmo dous quilómetros até as súas casas que están na parte alta e media da parroquia de Montouto”
Abegondo, 26 de agosto de 2022.- O BNG pediu que se restableza a parada de autobús de Montouto na liña de bus a Betanzos. “Dende que se aprobou o plan de mobilidade na nosa Comarca, e en Abegondo tamén, opera a UTE Hércules Norte. Segundo denuncian as persoas usuarias dende hai uns meses modificáronse as paradas, deixando de parar no Empalme para pasar a facelo nas Nogueiras na zona baixa de Montouto. Isto está obrigando a moitas usuarias e usuarios a ter que andar quilómetro e medio mesmo dous quilómetros até as súas casas que están na parte alta e media da parroquia de Montouto”, explicou o portavoz do BNG, Blan García Roel.
“Nin as usuarias e usuarios deste servizo nin o BNG de Abegondo entendemos a que se debe este repentino cambio xa que as explicacións que se nos dan son contraditorias”, engadiu o portavoz nacionalista. “O servizo de transportes estase precarizando pouco a pouco isto fai que cada vez máis recorramos ao transporte privado, que o rural se baleire de servizos, que a mobilidade a destino día a día sexa máis difícil”.
Por todo isto o BNG solicitou ao goberno local que faga as xestións necesarias coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para que volva a restablecer o histórico inicio e final da liña que fai a empresa Gilsanz no rueiro do Empalme na parroquia de Montouto e evitarlle as usuarias e usuarios trastornos que antes non padecían.