BNG exixe que se paralice a tramitación dos Parques Eólicos cuxas liñas de evacuación rematan na subestación de Abegondo
“Todo o proceso de tramitación de proxectos de novos parques eólicos, liñas de alta tensión e subestacións na comarca non ten un deseño nin responde ás necesidades de produción de enerxía eléctrica senón ao beneficio das grandes empresas eléctricas sen ter en conta o impacto sobre a veciñanza, o patrimonio natural ou cultural”
“É imposíbel estudar o impacto dunha liña de alta tensión sen saber como mínimo onde empeza e onde vai rematar”
Abegondo, 21 de abril de 2022.- O BNG esixiu que se paralice a tramitación dos Parques Eólicos cuxas liñas de evacuación rematan na subestación de Abegondo, no acto público que celebraron esta tarde no Campo da Festa de Leiro.
“Tanto nos 3 proxectos de parques eólicos da empresa Galenergy no Monte do Gato, como nos proxectos eólicos Nordés e Mistral- todos eles en tramitación- afirmábase, como xa advertiu o BNG nas alegacións presentadas, que as LAT conectarían á SE de Abegondo”, explicou Blan García Roel, do BNG de Abegondo. “Tamén o proxecto de PE Caíño, recolle a subestación de Abegondo pero a alternativa de localización para esta subestación non é a mesma que a que recollía o PE Nordés. Nesta última optábase pola alternativa 2 das propostas no documento de inicio antes citado e neste caso é a alternativa 3 a seleccionada”, engadiu.
Por iso, o BNG reclama transparencia no proceso e demanda ao Goberno que clarifique se autorizará unha liña de evacuación cara esta suposta subestación que está sen autorizar e que non se incluíu no plan rede de transporte de enerxía eléctrica 2021-2026. “Todo o proceso de tramitación de proxectos de novos parques eólicos, liñas de alta tensión e subestacións na comarca non ten un deseño nin responde ás necesidades de produción de enerxía eléctrica senón ao beneficio das grandes empresas eléctricas sen ter en conta o impacto sobre a veciñanza, o patrimonio natural ou cultural”, indicou Blan García Roel.
Desde o BNG explicaron que presentaron alegacións a todos estes proxectos eólicos “porque é imposíbel estudar o impacto dunha liña de alta tensión sen saber como mínimo onde empeza e onde vai rematar, e non se pode estudar o impacto de todos estes proxectos eólicos, subestacións e liñas de maneira separada senón que se ten que estudar o impacto conxunto que todas estas infraestruturas terían sobre a veciñanza dos concellos afectados”, concluíu.
A deputada nacionalista Mercedes Queixas, lembrou o traballo que tanto no Parlamento de Galiza como no Congreso dos Deputados o BNG ven levando a cabo desde que se presentaron os primeiros proxectos de parques eólicos no Monte do Gato. “Presentamos diferentes iniciativas no Parlamento para defender tanto o patrimonio natural como cultural que se vai ver gravemente afectado por estes parques, mais sempre o PP votou en contra”, explicou Queixas.
A deputada do BNG explicou tamén que o BNG pediu no Congreso que non se autoricen os parques de tramitación estatal na nosa comarca – o Caíño ou o Brancellao - e os que as liñas de alta tensión atravesan a comarca das Mariñas. Ademais o deputado do BNG, Néstor Rego, que non puido estar presente por un problema de saúde, rexistrou xa dúas iniciativas sobre a subestación que Red Eléctrica Española comezou a tramitar en Abegondo e que está provocando moita preocupación e inseguridade na veciñanza afectada.