O BNG anunciou que presentará alegacións aos proxectos de parques eólicos Caíño e Brancellao
Desde o BNG trasladaron a súa preocupación pola tramitación destes parques que suporían a instalación de 58 novos aeroxeneradores – 33 o PE Caíño e 25 o PE Brancellao – que se virían sumar aos 40 que xa se están tramitando nos 6 parques proxectados no Monte do Gato e outros que se están tramitando nesta zona
Estes dous novos megaparques irían a conectar á subestación de Abegondo, sobre a que o BNG ten presentada unha iniciativa no Congreso
Betanzos 21 de febreiro de 2022.- O BNG anunciou que presentará alegacións aos proxectos de parques eólicos Caíño e Brancellao, que está tramitando o Ministerio de transición ecolóxica. “A pasada semana sometéronse a exposición pública dous novos proxectos de megaparques eólicos – Caíño e Brancellao –, os dous da multinacional Enel Green Power e que van afectar aos concellos de Aranga, Curtis, Oza-Cesuras, Sobrado, Guitiriz e Abegondo o PE Caíño e a Boimorto, Curtis, Vilasantar, Frades, Mesía, Ordes e Carral o Brancellao”, explicou a responsábel comarcal do BNG das Mariñas, Cristina López.
“Estes proxectos afectan a concellos como Oza-Cesuras, Aranga ou Abegondo onde xa se estaban tramitando outros parques eólicas, liñas de alta tensión e subestacións. Existe un importante descontento veciñal pola tramitación destes proxectos a escasa distancia das vivendas e cun importante impacto no patrimonio tanto natural como cultural”, engadiu Cristina López. “Serían 187 MW e 140 MW respectivamente en concellos xa tremendamente castigados por estes proxectos”, indicou.
Desde o BNG trasladaron a súa preocupación pola tramitación destes parques que suporían a instalación de 58 novos aeroxeneradores – 33 o PE Caíño e 25 o PE Brancellao – que se virían sumar aos 40 que xa se están tramitando nos 6 parques proxectados no Monte do Gato e outros que se están tramitando nesta zona. Desde o BNG anunciaron que presentarán alegacións a estes proxectos, como xa fixeron cos anteriores parques proxectados nesta zona.
Subestación en Abegondo
“O parque eólico Caíño iría a conectar á subestación de Abegondo. O proxecto desta subestación foi publicado polo Miteco no ano 2016, a promotora é Red Eléctrica de España. e foi sometido a consultas ás Administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas, para a elaboración do documento de alcance do estudo de impacto ambiental, no entanto o proceso rematou aí sen ser publicado o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización administrativa”, explicaron desde o BNG.
“Nada se sabe sobre o seu emprazamento definitivo, nin sobre a súa viabilidade e despois de que os parques eólicos que tramita Greenalia diante do Ministerio afirmaran que conectarán nesta subestación desde o BNG presentamos alegacións e unha iniciativa no Congreso a través do noso deputado Néstor Rego”, concluíu López.