O BNG presentou alegacións aos proxectos de parques eólicos que inclúen a subestación en Abegondo
Este proxecto de subestación foi publicado polo Miteco no ano 2016, e sometido a un prazo de consultas, mais nunca foi publicado o estudo de impacto ambiental nin a solicitude de autorización administrativa
Debe anularse o procedemento ante a falta dun elemento esencial como o a publicidade sobre o emprazamento definitivo da devandita subestación
Abegondo, 20 de novembro de 2021. O BNG presentou alegacións aos proxectos de parques eólicos que inclúen a subestación en Abegondo, no prazo de exposición pública que rematou hoxe. “Trátase de dous proxectos de parques eólicos, o PE Nordés -en Moeche- e o Mistral -en Xermade- que se tramitan conxuntamente e inclúen 220 quilómetros de liña de alta tensión até a nova subestación proxectada en Abegondo”, explican desde o BNG. “Esta liña atravesará na nosa comarca os concellos de Coirós, Aranga o Oza-Cesuras, concellos xa totalmente castigados polos proxectos eólicos e liñas de alta, até a subestación proxectada en Abegondo”, engadiron.
“Este proxecto de subestación foi publicado polo Miteco no ano 2016, a promotora é Red Eléctrica de España. e foi sometido a consultas ás Administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas, para a elaboración do documento de alcance do estudo de impacto ambiental, no entanto o proceso rematou aí sen ser publicado o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización administrativa”, explicaron desde o BNG.
“Nada se sabe sobre o seu emprazamento definitivo, nin sobre a súa viabilidade, sendo moi rechamante que a promotora destes parques eólicos, Greenalia, propoña un trazado para a infraestrutura de evacuación que apunta a una das 3 alternativas propostas no documento preliminar presentado por Red Electrica”, indicaron desde o BNG. “Polo tanto, debe anularse o procedemento ante a falta dun elemento esencial como o a publicidade sobre o emprazamento definitivo da devandita subestación”
“A infraestrutura de evacuación do parque eólico Nordés coincide en varios tramos coa liña de alta tensión que conecta a central térmica de As Pontes coa subestación de Mesón do Vento no concello de Ordes e chega cruzarse en diversas ocasións”, engadiron desde o BNG. Desde o BNG criticaron ademais que o trazado desta liña de Alta tensión vai atravesar o ZEC Betanzos-Mandeo, parte da Rede Natura 2000.