O BNG presentou as súas alegacións ao PXOM de Abegondo
"Presentamos as alegacións para intentar corrixir un PXOM que pensamos que é completamente irreal, baseado nunhas previsións de incremento da poboación de 836 habitantes para o ano 2037, horizonte de vixencia do Plan Xeral cando o concello de Abegondo leva perdendo poboación de forma continuada as últimas dúas décadas"
Abegondo, 6 de outubro de 2021. O BNG presentou alegacións ao PXOM de Abegondo aprobado inicialmente polo Pleno. “Presentamos as alegacións para intentar corrixir un PXOM que pensamos que é completamente irreal, baseado nunhas previsións de incremento da poboación de 836 habitantes para o ano 2037, horizonte de vixencia do Plan Xeral cando o concello de Abegondo leva perdendo poboación de forma continuada as últimas dúas décadas”, explicaron desde o BNG.
“Segundo as previsións do PXOM, Abegondo pasaría de 5398 habitantes no ano 2020 a 6234 habitantes no 2037, o que xustificaría, xunto coa diminución do tamaño dos núcleos familiares, a necesidade de 1398 novas vivendas. Desde o BNG, pensamos que se teñen que revisar estes datos de incremento da poboación e de necesidade de nova vivenda completamente irreais que non teñen ningún tipo de xustificación fora da intención de especular co terreo e seguir afondando nun modelo urbanístico insostíbel”, engadiron.
Polígono eco-agrario sen concreción
Desde o BNG demandan tamén nas súas alegacións que se concreten os plans para o solo reservado en Beldoña para o polígono “eco-agrario”. Segundo a memoria do PXOM é unha reserva de solo para usos empresariais e terciarios que poden están relacionados co sector primario, pero botamos en falta un plan director ou cando menos unha memoria de que tipo de actividades se van permitir e como se vai fomentar que se asenten empresas nese terreo. Pensamos que é fundamental para evitar ter unha nova zona industrial baleira como outras moitas que hai na nosa comarca”, indicaron as nacionalistas.
Reserva de solo para ampliación das instalacións do Deportivo
O PXOM contempla a creación dun ámbito de solo urbanizábel de uso terciario vinculado aos campos de entrenamento do Real Club Deportivo de A Coruña, coa finalidade de garantir a posibilidade de ampliación da cidade deportiva. Serían 25.395,94 m2 de solo urbanizábel. Esta bolsa de solo urbanizábel estaría moi próxima á cola do encoro de Cecebre que forma parte da Rede Natura 2000 como ZEC e afectaría tamén ao ENIL das Ribeiras do Mero e o Barcés, actualmente en período de redacción o seu documento rétor”, explicaron.
“Desde o BNG pensamos que non é a zona adecuada para reservar solo urbánizabel senón que sería unha zona que pensamos que sería importante preservar pola súa riqueza natural e paisaxística”, engadiron.
Desde o BNG presentaron alegacións tamén pedindo que se inclúan elementos patrimoniais no catálogo como a casa da Torre en Montouto, que se protexan como solo rústico de especial protección da natureza zonas cun importante valor natural e paisaxístico como a carballeira de Figueiroa ou a Fraga do Río Gobia. As nacionalistas pediron tamén que se subsanen erros materiais coma os límites parroquiais que están mal no documento aprobado.