O BNG propuxo ao goberno local que pida que se inclúan no catálogo de árbores senlleiras o carballo da capela de San Paio e o eucalipto de Bordel
No concello de Abegondo non hai ningunha árbore no Catálogo de árbores senlleiras, como así o reflicte a proposta de PXOM do goberno local
Abegondo, 3 de novembro de 2020. O BNG propuxo ao goberno local que pida que se inclúan no catálogo de árbores senlleiras o carballo da capela de San Paio, en Vilacoba e o eucalipto de Bordel, en Sarandóns. “No concello de Abegondo non hai ningunha árbore no Catálogo de árbores senlleiras, como así o reflicte a proposta de PXOM do goberno local”, explicaron desde o BNG. “Tendo en conta que nos encontramos nun concello cun grande territorio forestal, que se está vendo invadido cada vez máis polo monocultivo de eucalipto”, engadiron.
O Carballo da Capela de San Paio en Vilacoba é excepcional polo seu porte e dimensións e está vinculado á romaría tradicional de San Paio. “Sería importante coidalo incluíndoo no catálogo para poder protexelo e recuperalo limpándoo da maleza que presenta actualmente ao seu redor e poñelo en valor como monumento natural e etnográfico que é”, informaron.