O informe da Xunta apoia parte das nosas alegacións á proposta de PXOM de Abegondo
“Abegondo precisa un PXOM, isto é obvio, pero un PXOM que sexa realista e que marque as bases para un concello rural e sostíbel. Non podemos seguir apostando por un modelo especulativo cunhas previsións de crecemento irreais e arriscándonos a unha nova sentenza que anule o planeamento. Vale a pena facer as cousas máis amodo e ben”
Abegondo, 2 de outubro de 2020. O BNG reaccionou diante do informe da Xunta en relación coa proposta de PXOM que se fixo público a pasada semana. “O informe ven a darnos a razón en parte das nosas alegacións, por exemplo no relativo ao polígono eco-agrario de Beldoña e tamén na advertencia da cercanía do solo urbanizábel reservado para a posíbel ampliación das instalacións do deportivo á encoro de Cecebre, parte da rede natura”, explicaron desde o BNG.
“Como advertíamos nas nosas alegacións o polígono eco-agrario non ten concreción ninguna no documento, máis que vagas definicións, para unha reserva de solo enorme. A Xunta esíxelle concreción ao concello sobre os usos e a forma de xestión deste polígono e desde o BNG compartímolo e pensamos que é fundamental para ter unha enorme extensión a “plumacho” entre Beldoña e o CIAM”, engadiron.
“Ademais a Xunta advirte ao goberno local da necesidade de prestar atención á conservación das especies de arbores autóctonas, na liña que desde o BNG pediamos nas nosas alegacións”, indicaron.
Previsións de incremento de vivenda
Desde o BNG pediron ao goberno local realismo nas súas previsións de incremento de vivenda. “Como vimos defendendo desde hai anos non ten sentido redactar plans xerais para especular co solo, e menos no momento económico que vivimos. O noso concello, como a maioría dos do País, está perdendo poboación ano tras ano e nun momento de decrecemento non ten sentido planificar novas vivendas que sabemos que non se van ocupar. Construír para quen?”, preguntáronse desde o BNG. Os nacionalistas botan tamén en falta que non se faga previsión ningunha nin se incentive a rehabilitación de vivendas nos núcleos rurais e todo se centre na construción nova.
Responsabilidade e transparencia
Desde o BNG pediron ao goberno local responsabilidade e seriedade. “Abegondo precisa un PXOM, isto é obvio, pero un PXOM que sexa realista e que marque as bases para un concello rural e sostíbel. Non podemos seguir apostando por un modelo especulativo cunhas previsións de crecemento irreais e arriscándonos a unha nova sentenza que anule o planeamento. Vale a pena facer as cousas máis amodo e ben”, engadiron