O BNG pediu información sobre a recuperación da casa do Legoeiro en Xeixade para uso público
“En máis dunha ocasión, as autoridades municipais anunciaron na prensa e en campaña electoral que este edificio pasaría á rede de centros sociais do Concello por iso desde o BNG pedimos información sobre en que situación se atopa este inmoble e en que prazos se prevé a súa recuperación para uso social”
Abegondo, 24 de setembro de 2020. O BNG pediu ao goberno local información sobre a recuperación da casa do Legoeiro en Xeixade para uso público. “En abril de 2018 a veciñanza de Xeixade decidía reclamar, para uso público, a antiga casa do legoeiro, unha vivenda do que noutrora foron os peóns camiñeiros que se adicaban á conservación e limpeza da rede viaria existente na época. Este edificio está pegado á estrada AC-222, que une Montouto con Herves”, explicaron desde o BNG de Abegondo.
“Tendo presente que, naquel ano 2018 o Concello de Abegondo decidiu sumarse á iniciativa da veciñanza de Xeixade, o Bloque Nacionalista Galego solicitou información sobre a situación actual das negociacións coa “Consellería de infraestruturas” e con “Patrimonio da Xunta” para a cesión gratuíta, en réxime de propiedade, do edificio que nos ocupa dado que, actualmente, non se ten feito ningunha intervención sobre o mesmo, xa que hai máis de 2 anos”, engadiron.
“En máis dunha ocasión, as autoridades municipais anunciaron na prensa e en campaña electoral que este edificio pasaría á rede de centros sociais do Concello por iso desde o BNG pedimos información sobre en que situación se atopa este inmoble e en que prazos se prevé a súa recuperación para uso social”, concluíu o portavoz do BNG.
Centro social e eixo cultural do concello
“Desde o BNG cremos moi necesario este centro social en Xeixade porque xa é tempo e hora de que este lugar, en moitas ocasións esquecido por todos, teña un centro de dinamización social digno da veciñanza, mais tamén propoñemos unha exposición fotográfica que trate sobre: “estradas, camiños, corredoiras, encrucilladas e cruceiros do Concello de onte e hoxe”, fotografías achegadas pola veciñanza de Abegondo e que neste edificio terían todo o senso. Se a todo o anterior, lle xuntamos que preto pasa o Camiño de Santiago, a Casa do Legoeiro tornaría nun novo eixo cultural do Concello”, explicaron
Desde o BNG de Abegondo concluíron pedindo que cando se interveña no edifico, se faga de maneira respectuosa cos materiais construtivos que na súa época se usaron, que se conserve na medida do posíbel a estrutura arquitectónica da Casa do Legoeiro e que non se fagan intervencións de dubidoso gusto como pasou na Reitoral de Mabegondo.