O BNG anunciou unha iniciativa no Parlamento para evitar a supresión das liñas de autobús que afectaría á veciñanza de Vizoño, Montouto, Figueiroa e Sarandós
“Hai case tres semanas que demos traslado desta supresión ao goberno local, que terá lugar o vindeiro mes de setembro, pedíndolle que actuaran e polo de agora non temos constancia de que se producira ningún avance para evitar que estas liñas desaparezan”
Abegondo, 17 de agosto de 2020.O BNG anunciou que trasladará unha iniciativa ao Parlamento para evitar a supresión das liñas de autobús que unen Mesía e Vila de Cruces coa cidade da Coruña, diante da inactividade do goberno local. O grupo nacionalista reclamará á Consellería de Transporte que evite a desaparición dunhas liñas de autobús que afectaría á veciñanza de Vizoño, Montouto, Figueiroa e Sarandós.
“Se no século XXI o que se busca é unha sociedade máis implicada no medio natural, máis sostíbel , onde se reduza a pegada ecolóxica, onde abandonemos o uso dos transportes privados para pular polo transporte público non ten sentido, deixar sen un medio público de transporte a unha parte importante da zona sur do concello de Abegondo”, indicaron desde o grupo nacionalista.
“Hai case tres semanas que demos traslado desta supresión ao goberno local, que terá lugar o vindeiro mes de setembro, pedíndolle que actuaran e polo de agora non temos constancia de que se producira ningún avance para evitar que estas liñas desaparezan”, explicaron desde o BNG.
Reunión no concello sen avances
Desde o BNG informaron tamén de que foron convocados a unha reunión no concello na que non lles informaron de ningún avance para manter esta liña. “Reunímonos a pasada semana con técnicos municipais e non nos deron ningunha opción nin proposta para manter o servizo, mais alá de que o BNG faga o posíbel e que o goberno de Abegondo está disposto a apoialo”, explicaron os nacionalistas. “O lóxico sería que se o PP que goberna o concello e a Xunta están realmente pola labor de manter o servizo se poñan de acordo e impidan que desapareza a liña, xa que son os que teñen a responsabilidade de gobernar e manter os servizos para a veciñanza”, concluíron.