Propuxemos que o concello elabore unha guía de axudas dirixidas a superar a crise do coronavirus das diferentes administracións
Outra das propostas dos nacionalistas sería repartir equipos e routers de conexión internet ás familias que o precisen, na liña que se ven facendo noutros concellos da comarca como Betanzos ou Miño
Abegondo, 18 de abril de 2020. O BNG propuxo ao goberno local que o concello elabore unha guía de axudas dirixidas a superar a crise do coronavirus das diferentes administracións. “Esta guía estaría enfocada non só para comerciantes e autónomos, se non para calquera persoa que poida estar sufrindo as consecuencias do coronavirus, por exemplo, por un ERTE e explicaría os dereitos que teñen e como solicitar estas axudas das diferentes administracións”, explicaron desde o BNG, “detectamos que a veciñanza le os continuos anuncios que aparecen na prensa e non sabe ao que ten dereito nin como e onde solicitalo”.
“Por iso pensamos que sería beneficioso ter unha guía con toda esta información no web do concello onde se vaia modificando engadindo as novas medidas ou axudas”, engadiron, “ tamén sería positivo ter un punto de información telefónico e on line no concello sobre estas axudas, mentres non poida ser presencial”.
Listado de produtores e pequenos comercios
O BNG propuxo tamén que na web do concello se colgue un listado de produtores e pequenos comercios de Abegondo cos contactos para intentar paliar as perdas que lles está a provocar esta situación. “Falamos por exemplo de produtores de horta ou das persoas que venden habitualmente nos mercados”, indicaron.
Garantir a conexión a internet
Outra das propostas dos nacionalistas sería repartir equipos e routers de conexión internet ás familias que o precisen, na liña que se ven facendo noutros concellos da comarca como Betanzos ou Miño.
O BNG aproveitou para trasladar o seu apoio e ánimo a toda a veciñanza moi especialmente ás persoas que teñen familiares ou amigos afectados polo coronavirus e ás persoas que traballan en sectores esenciais como a saúde, os servizos sociais ou a alimentación.