O BNG pide a correcta delimitación das parroquias de Abegondo

Blan García Roel: “é moi importante levar a cabo esta corrección xa que así os documentos posteriores, que teñan como base o PXOM, terán moitas menos grallas e non xerarán enfado e frustración na veciñanza”

O BNG pide a correcta delimitación das parroquias de Abegondo

Abegondo, 22 de novembro de 2024.- O BNG pide a correcta delimitación das parroquias de Abegondo. “Propoñemos á equipa de goberno que faga un plan que abranga unha revisión dos límites das 19 parroquias do Concello”, explicou o portavoz do BNG en Abegondo, Blan García Roel. 

“Pedimos unha revisión seria, científica, e que atenda a criterios xeográficos, históricos, textuais, sociolóxicos, culturais, atendendo a documentos notariais a foros, arrendamentos e todo tipo de documentos que permitan delimitar as parroquias do mellor xeito posíbel”, indicou o nacionalista.  

“Esta revisión é indispensábel para termos un PXOM rigoroso e fiable, non cheo de grallas, de contradicións constantes, de paradoxos, facendo seguidismo dunha división parroquial totalmente artificial que nada ten a ver coa que manexa a propia Xunta”, engadiu o portavoz do BNG. 

Desde o BNG explicaron que é moi importante levar a cabo esta corrección “xa que así os documentos posteriores, que teñan como base o PXOM, terán moitas menos grallas e non xerarán enfado e frustración na veciñanza debido aos quebracabezas burocrático administrativos que teñen actualmente”.

O BNG pide a correcta delimitación das parroquias de Abegondo