O BNG solicita que o Concello de Abegondo revise convenio co Real Club Deportivo de A Coruña

Blan García Roel: “pretendemos mellorar as condicións para os clubes deportivos locais e a veciñanza, aproveitando a ampliación da cidade deportiva”

O BNG solicita que o Concello de Abegondo revise convenio co Real Club Deportivo de A Coruña

Abegondo, 29 de xaneiro de 2025. Logo de ter acceso aos convenios asinados entre o Concello de Abegondo e o Real Club Deportivo de A Coruña no ano 1999 e 2003, o BNG solicita que se revisen estes convenios “para mellorar as condicións para os clubes deportivos locais e a veciñanza, aproveitando a ampliación da cidade deportiva”, explicou o portavoz do BNG, Blan García Roel.

Desde o BNG sinalan que, unha vez rematada a cesión no ano 2033, o Deportivo debería abonar 6.010,12€ ao ano polo uso das instalacións cun límite de 50 anos. “No ano 2033 o Deportivo pagaría polas instalacións municipais integradas na Cidade Deportiva de Abegondo o mesmo que hoxe custaría o aluguer dun piso de 50 metros cadrados no barrio coruñés dos Castros”, apuntou o nacionalista.

Na moción que as nacionalistas presentarán no pleno da corporación, solicitan que o Concello de Abegondo revise o cumprimento do convenio en vigor e renegocie coa entidade deportivista o canon polo uso das instalacións a partir do 2033 de xeito que sexa máis beneficioso para o Concello e a veciñanza.

Por outra banda, as nacionalistas tamén solicitan maior transparencia do Concello de Abegondo, publicando os diferentes convenios asinados pola institución, así como garantir a protección e conservación medioambiental dos terreos limítrofes coa cidade deportiva e afectados pola ampliación da mesma.

O BNG solicita que o Concello de Abegondo revise convenio co Real Club Deportivo de A Coruña