O BNG propón que se sinalicen e se poñan en valor os xacementos de minería romana no concello de Abegondo
Blan García Roel: “A conservación, mantemento e difusión do noso patrimonio non é só como algo cultural e didáctico, senón tamén pode ser un elemento a aproveitar desde o punto de vista económico e turístico”
Abegondo, 23 de setembro de 2024.- O BNG propón que se sinalicen e se poñan en valor os xacementos de minería romana no concello de Abegondo. “Hai estudos que afirman que o espazo onde se asenta territorialmente o concello de Abegondo é unha das zonas de extracción aurífera Galaico-romana máis importantes do noroeste da Gallaecia”, explicou o voceiro do BNG, Blan García Roel.
“De feito é no territorio lindeiro entre o concello de Abegondo e o de Carral onde se asenta a maior explotación mineira do norte Galaico, cartografada até o momento”, engadiu. “Monte Lourido na parroquia de Sarandós foi unha explotación mineira de 12 hectáreas a ceo aberto, ou as Minas de Titín ou as Covas de Vea ”, indicou.
Por todo isto pedimos que patrimonio da Xunta de Galiza estude e catalogue as explotacións mineiras Galaico-romanas que poidesen existir no noso concello coa colaboración do Concello.
“Pedimos ao concello que sinalice as explotacións mineiras Galaico-romanas e que faga unha campaña de difusion e valorización das mesmas para podermos mantelas sen que sufran espolio ou actuacións urbanísticas fóra da lexislación”, explicou Blan García Roel. “A conservación, mantemento e difusión do noso patrimonio e a historia do noso Concello non é só como algo cultural e didáctico senón tamén pode ser un elemento a aproveitar desde o punto de vista económico e turístico”, concluíu.