O BNG presenta unha moción para garantir a seguridade na escola infantil

Estefanía Busto (1)
Estefanía Busto (1)

Estefanía Busto: “A escola infantil xa viña arrastrando deficiencias, e tanto o concello coma o consorcio eran coñecedores desta situación. Ademais de solicitar as reparacións precisas, pedimos á concelleira de Educación que atenda á convocatoria do Consello Escolar extraordinario, solicitado o pasado 28 de xaneiro”

O BNG presenta unha moción para garantir a seguridade na escola infantil

Oza dos Ríos, 14 de febreiro de 2025. O BNG de Oza-Cesuras presentou unha moción solicitando os arranxos e reparacións necesarias na Escola Infantil. “Durante a noite do domingo 27 de xaneiro e debido ao temporal voou parte da cuberta da escola infantil A Galiña Azul de Oza-Cesuras. As educadoras tiveron coñecemento destes feitos á mañá seguinte, cando chegaron para abrir o centro. Segundo elas mesmas relatan, alí había operarios do concello, que retiraron parte da cuberta e informaron de que unha das aulas non podería estar operativa”, explicou Busto.

“Durante o luns 28 e o martes 29 operarios do concello e do consorcio realizaron inspeccións e algunhas reparacións, malia continuar a alerta meteorolóxica e colocaron unha lona como cuberta para evitar que entrase auga na aula, que xa estaba deteriorada e con pingueiras. Esta aula quedou inutilizada e as educadoras tiveron que xuntar dous grupos nunha mesma aula, polo que se pode sobrepasar a ratio legal”, expuxo a concelleira nacionalista.

”Aínda nestas circunstancias, cunha lona como cuberta e deficiencias anteriores, desde os servizos centrais do Consorcio aseguráronlles ás educadoras que podían empregar a aula con total normalidade. Mais o persoal reclama unha autorización por escrito para poder garantir a seguridade”, informou a portavoz municipal.

“A escola infantil xa viña arrastrando deficiencias, e tanto o concello coma o consorcio eran coñecedores desta situación. Ademais de solicitar as reparacións precisas, pedimos á concelleira de Educación que atenda á convocatoria do Consello Escolar extraordinario, solicitado o pasado 28 de xaneiro”, concluíu Busto. 

O BNG presenta unha moción para garantir a seguridade na escola infantil