O BNG solicita un pleno extraordinario para exixir información sobre a calidade da auga no Mendo
Estefanía Busto: “Pensamos que se trata dun asunto de máxima gravidade e mesmo se puxo en risco a saude de moitas persoas”
Oza dos Ríos, 27 de novembro de 2023.- O BNG de Oza dos Ríos e Cesuras, xunto co PSOE e a concelleira independente presentaron esta mañá no rexistro do concello unha solicitude de pleno extraordinario e monográfico para exixir información sobre os verquidos no río Mendo e a calidade da auga, relacionado co gromo de gastroenterite que afectou ao concello de Betanzos o pasado mes de xuño, explicou a voceira nacionalista.
Segundo información publicada na prensa, o concello de Oza-Cesuras non achegou a documentación requerida polo Seprona, malia detectarse deficiencias na EDAR de Oza. “Pensamos que se trata dun asunto de máxima gravidade e mesmo se puxo en risco a saude de moitas persoas”, afirmou a concelleira do BNG.
“Os verquidos ao río e a mala calidade da auga non son feitos anecdóticos, senón que nos últimos anos houbo varios episodios, feitos que levamos ao pleno e ao Parlamento”, lembrou Busto, “unha vez máis, trasladaremos este asunto para exixir responsabilidades, dada a gravidade da situación, tanto ambiental como de saúde”, concluíu.