O BNG pediu información no Parlamento sobre os verquidos da EDAR de Oza ao río Mendo
Estes verquidos, que tiveron lugar a carón da Ponte dos Cabalos, proveñen da depuradora de Oza e provocaron alarma veciñal polo forte cheiro no Río Mendo
Oza dos Ríos, 29 de xuño de 2022.- O BNG pediu información no Parlamento sobre os verquidos da EDAR de Oza ao río Mendo. “Nas pasadas semanas producíronse varios verquidos ao río Mendo da EDAR de Oza, no concello de Oza-Cesuras, que provocaron múltiples queixas da veciñanza e denuncias diante do Seprona. Estes verquidos, que tiveron lugar a carón da Ponte dos Cabalos, proveñen da depuradora de Oza e provocaron alarma veciñal polo forte cheiro no Río Mendo”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.
“A depuradora de Oza atópase río arriba da área recreativa de Reboredo, unha contorna natural que o goberno sacou no seu momento das áreas de baño analizadas pola Xunta por non poder garantir a calidade da auga”, engadiu Queixas.
“Cómpre engadir que a vila de Betanzos ten a súa captación de auga potábel no río Mendo, que despois desemboca na Ría de Betanzos, e que presenta moitos problemas de contaminación por augas fecais, o que está a provocar que teña catalogadas 2 zonas C para o marisqueo e outra B/C estacional”, indicou a deputada do BNG.
Por todo iso o BNG, preguntou ao goberno da Xunta que medidas ten previsto adoptar para evitar os verquidos continuos que se veñen producindo ao ríos Mendo e Mandeo e á Ría de Betanzos e en que prazos pensa actuar.
Iniciativa no Pleno de Oza-Cesuras
A concelleira do BNG en Oza-Cesuras, Estefanía Busto, anunciou que trasladará esta situación tamén ao vindeiro Pleno. “Chegáronnos múltiples queixas de verquidos nesta zona que, segundo a veciñanza, se producen desde a rede de saneamento municipal, queremos que o goberno nos informe de a que se deben estes verquidos e tome medidas coa empresa concesionaria, Espina y Delfín, para resolver esta situación”.