O BNG de Oza-Cesuras presenta unha queixa ante a valedora do pobo pola falta de transparencia no funcionamento do concello

BNG-OZA CESURAS;..CANDIDATURA;..6-ABRIL-2019;

Estefanía Busto: “O acceso á información xa viña sendo un problema habitual, mais desde o inicio da pandemia agravouse, desde o concello néganse a enviar calquera documentación vía correo electrónico, malia celebrar as sesións de xeito telemático”

O BNG de Oza-Cesuras presenta unha queixa ante a valedora do pobo pola falta de transparencia no funcionamento do concello

Oza dos Ríos, 3 de marzo de 2021. O BNG de Oza-Cesuras vén de rexistrar unha queixa ante a Valedora do Pobo pola falta de transparencia no funcionamento do concello, “que continúa obstruíndo e dificultando as funcións de fiscalización e control encomendadas á oposición”, explicou Estefanía Busto, voceira do BNG no concello.

“Nesta queixa incluímos varios aspectos, por unha banda, o acceso á información xa viña sendo un problema habitual, mais desde o inicio da pandemia agravouse, desde o concello néganse a enviar calquera documentación vía correo electrónico, malia celebrar as sesións de xeito telemático” expuxo Busto, “non deixa de ser irónico que desde o propio concello pidan á veciñanza que se relacionen coa administración de xeito telemático ou telefónico e sexan eles mesmos os que obriguen a asistir persoalmente ao concello para recoller documentos en papel”.

“Por outra banda, o envío das actas das Xuntas de Goberno Local que se celebran semanalmente, xa que os envíos das mesmas non se están realizando de xeito periódico” informou Busto, “xa desde a lexislatura pasada o que fan e envialas en “lotes” de varios meses, o que dificulta realizar o noso labor, posto que non podemos actuar coa inmediatez que exixen algúns asuntos” aclarou a concelleira.

“Mais non só ao BNG, desde hai case un ano non se fan públicas as sesións plenarias, vulnerando tamén o dereito da veciñanza a coñecer os asuntos que se tratan” engadiu Busto, “os plenos celébranse desde unha plataforma online, polo que deberían transmitilos en directo e publicalos posteriormente na páxina do concello”, concluíu.

O BNG de Oza-Cesuras presenta unha queixa ante a valedora do pobo pola falta de transparencia no funcionamento do concello