O BNG de Oza-Cesuras anunciou o seu voto en contra da aprobación definitiva do orzamento para o ano 2024, a punto de rematar
Estefanía Busto: “Estamos a tres días de rematar o ano e o PP, que goberna con maioría absoluta, non foi quen de aprobar o orzamento ao longo dun ano, isto é unha mostra máis da incompetencia e desidia do goberno municipal”
Oza dos Ríos, 28 de decembro de 2024.- O BNG de Oza-Cesuras anunciou o seu voto en contra da aprobación definitiva do orzamento para o ano 2024, a punto de rematar, despois de que non se tivesen en conta as súas alegacións. “Estamos a tres días de rematar o ano e o PP, que goberna con maioría absoluta, non foi quen de aprobar o orzamento ao longo dun ano, isto é unha mostra máis da incompetencia e desidia do goberno municipal”, explicou Estefanía Busto, voceira do BNG no concello.
“A lei indica que o orzamento municipal deber estar aprobado antes do 31 de decembro do ano anterior, en Oza-Cesuras levan un ano de retraso e aínda así o goberno municipal recorreu a convocatorias extraordinarias e o orzamento non foi informado” explicou a concelleira nacionalista. “Ademais, non se nos deu ningún tipo de participación na elaboración deste orzamento. Desde o BNG defendemos que a veciñanza poida opinar e decidir en que se gastan os cartos públicos”, reclamou Busto.
“O gasto en órganos de goberno local segue medrando e ascende xa a 104 534,50 euros, dos que máis de 45.000 son o salario do propio alcalde, aos que hai que sumar 30.000 en atencións protocolarias, 5.000 propaganda ou 22.000 en dietas”, informou a concelleira nacionalista. “Estas cifras parécennos escandalosas para un concello que apenas sobre pasa os 5000 habitantes, así mesmo alcalde pode cobrar dietas e locomocións por desprazarse de Oza a Cesuras”, censurou Busto.
“Afondando no tema da transparencia, unha vez máis a metade dos fondos para subvencións será destinado para subvencións nominativas. Cuestionamos esta forma de adxudicar as subvencións, que vai en contra da lei de subvencións, trátase de cartos que o alcalde vai entregar “a dedo”. Tamén, como todos os anos outros 10.000 que se reserva o alcalde para facer clientelismo e que lle adxudica a quen el considere”, informou a voceira nacionalista. “O lóxico sería elaborar unha convocatoria de subvencións de xeito participativo, cun acordo entre os grupos e a veciñanza, xa que se trata de cartos de toda a veciñanza”, concluíu a voceira nacionalista.