O BNG reclamou esta mañá na súa visita ao monte do Gato un estudo de impacto conxunto dos 6 parques eólicos proxectados na zona
Desde o BNG apelaron a poñer no centro o interese público as garantías ambientais e o retorno económico e social da enerxía eólica.
Estes 6 parques eólicos, supoñen a instalación dun total de 40 aeroxeneradores nunha área menor a 5 quilómetros e que nalgúns casos comparten accesos e mesmo instalacións. Dous destes parques afectaran directamente á veciñanza da parroquia de Fervenzas, no concello de Aranga, que visitaron esta mañá.
Aranga, 27 de febreiro de 2021. Os deputados do BNG, Luís Bará e Mercedes Queixas, xunto cos portavoces do BNG en Aranga, Coirós e Oza-Cesuras desprazáronse esta mañá ao Monte do Gato acompañados de veciñanza da parroquia de Fervenzas, para coñecer a zona onde se proxectan construír 6 parques eólicos.
“Estes 6 parques eólicos, supoñen a instalación dun total de 40 aeroxeneradores nunha área menor a 5 quilómetros e que nalgúns casos comparten accesos e mesmo instalacións”, explicou o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Luís Bará. Dous destes parques afectaran directamente á veciñanza da parroquia de Fervenzas, no concello de Aranga, que visitaron esta mañá.
Desde o BNG lembraron que hai varias semanas que rexistraron unha iniciativa no Parlamento esixindo un estudo conxunto do impacto de todos estes parques na veciñanza e no patrimonio tanto cultural como ambiental do Monte do Gato. “Aínda onte saíu a exposición pública outro destes parques eólicos e botamos en falta que se informe aos veciños e veciñas sobre estes proxectos e que desde os concellos se reúnan coa veciñanza das parroquias afectadas”, engadiron.
Conservación e posta en valor da Necrópole Megalítica
“No Monte do Gato atópase unha gran necrópole megalítica formada por 17 mámoas catalogadas e dous petróglifos. Se ben, esta necrópole, que foi sinalizada no seu día, se atopa nunha situación de evidente abandono por parte das administracións que teñen a competencia sobre patrimonio e que teñen a obriga legal da súa conservación e posta en valor, nomeadamente da propia Xunta de Galiza, que ten a competencia exclusiva sobre o Patrimonio en Galiza, trátase dun importante ben patrimonial que é necesario conservar e poñer en valor”, explicou a deputada nacionalista.
A instalación destes parques debe repercutir en beneficios para a veciñanza
Desde o BNG apelaron a poñer no centro o interese público as garantías ambientais e o retorno económico e social da enerxía eólica. Nesta liña lembrou que o concello de Muras é “un claro exemplo de como a enerxía eólica reverte en beneficio dos veciños e veciñas que ven abarato o prezo do recibo da luz” e pediu que a instalación destes parques repercuta na factura da luz do conxunto da veciñanza dos concellos de Coirós, Aranga e Oza-Cesuras.
Lembraron tamén que o BNG presentou alegacións a estes proxectos e anunciou que alegará tamén ao Parque Eólico Gato que se atopa no no trámite de exposición pública até o vindeiro 14 de abril.