O BNG exixe ao Goberno do Estado que comecen as obras do bai-pass ferroviario en Betanzos
Betanzos, 15 de marzo de 2021. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe ao Goberno do Estado que se comecen as obras do bai-pass ferroviario en Betanzos na liña de tren A Coruña-Ferrol a través dunha iniciativa. A formación nacionalista incide na necesidade de comezar de maneira inmediata as obras ante a existencia de partidas orzamentarias específicas e concretar prazos para a súa realización.
Na actualidade, a viaxe en tren de A Coruña a Ferrol tarda aproximadamente unha hora e cuarto en contraposición aos 40 minutos de traxecto en coche. A este dato engádenselle as declaracións do Secretario Xeral de Infraestruturas nas que apuntou a necesidade de mellorar a liña ferroviaria, despois de que a formación nacionalista rexistrara preguntas no Congreso.
“A pesar de que coñecen esta necesidade, é indecente que o Goberno do Estado descarte realizar a obra no curto tempo e non concrete prazos para executala” sinala a organización nacionalista. Neste sentido, o BNG apunta que “o goberno do Estado ten que concretar prazos para esta obra fundamental para a comunicación ferroviaria entre as cidades da Coruña e Ferrol e tamén para mellorar a comunicación de Betanzos con estas dúas cidades”.
“Nos orzamentos de 2021 o único investimento que contempla na comarca das Mariñas eran uns claramente insuficientes 120 mil euros para este bai-pass que custaría en total segundo os estudos entre 20 e 40 millóns de euros. Desde o BNG presentamos unha emenda pedindo que se incrementase esta partida para que puidese comezarse a obra neste ano, mais o PSOE e Podemos votaron en contra”, lembra o deputado do BNG.
“Trátase dunha obra demandada durante décadas de mellora na conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol. Esta obra permitiría reducir considerabelmente o tempo da viaxe xa que na actualidade os trens que cobren este trazado teñen que achegarse á estación Betanzos-Infesta para dar volta e continuar cara Betanzos-Cidade e Ferrol, un rodeo e unha perda de tempo que esta actuación evitaría” incide o deputado nacionalista, Néstor Rego.