O BNG presentou as súas emendas parciais aos Orzamentos Xerais do Estado para a comarca das Mariñas de 18 millóns de euros
O BNG pediu que se inclúan nos orzamentos melloras imprescindíbeis na seguridade viaria na N-VI ao seu paso pola comarca, como a pasarela peonil no Espiritu Santo enfronte da Escola de Capacitación agraria, a rotonda en Guísamo, no cruce coa estrada N-651 ou a rotonda en Cortiñán, no concello de Bergondo os tres ou a rotonda e melloras na seguridade no cruce de Queirís, no Concello de Coirós
Nos orzamentos de 2021 o único investimento que contempla na comarca das Mariñas son uns claramente insuficientes 120 mil euros para o by-pass ferroviario en Betanzos, que custaría en total segundo os estudos entre 20 e 40 millóns de euros
Betanzos, 23 de novembro de 2020. O BNG presentou as súas emendas parciais aos Orzamentos Xerais do Estado para a comarca das Mariñas. As demandas da comarca das Mariñas, moitas delas históricas, maiormente no que atañe a infraestruturas serán presentadas no Congreso dos Deputados a través das emendas que o deputado do BNG Néstor Rego presentará aos Orzamentos Xerais do Estado.
Seguridade viaria na N-VI
A estrada N-VI ten varios puntos negros desde o punto de vista da seguridade nas Mariñas. “O Estado comprometera orzamento en anos anteriores para melloras na seguridade viaria nos puntos especialmente perigosos, e os proxectos en moitos casos xa están feitos, sen embargo nos orzamentos para o vindeiro ano non aparece ningunha partida para levalos a cabo”, explicou o deputado do BNG, Néstor Rego. “Algúns destes puntos son a pasarela peonil no Espiritu Santo enfronte da Escola de Capacitación agraria a rotonda en Guísamo, no cruce coa estrada N-651 ou a rotonda en Cortiñán, no concello de Bergondo os tres ou a rotonda e melloras na seguridade no cruce de Queirís, no Concello de Coirós”, indicou o deputado nacionalista. “Tamén hai outros puntos conflitivos que deberamos pedir que se estudaran como o paso pola Angustia no Concello de Betanzos, onde sería importante buscar unha solución para o paso de peóns xa que corta un núcleo rural”, engadiu.
Melloras na vía de tren A Coruña – Ferrol
“Trátase dunha obra demandada durante décadas de mellora na conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol, cun by-pass en Betanzos que permitiría reducir considerabelmente o tempo da viaxe polo eixo A Coruña-Betanzos-Ferrol”, explicou Néstor Rego. “Na actualidade os trens que cobren este trazado teñen que achegarse á estación Betanzos-Infesta para dar volta e continuar cara Betanzos-Cidade e Ferrol, un rodeo e unha perda de tempo que esta actuación evitaría. Na actualidade a viaxe en tren entre A Coruña e Ferrol tarda aproximadamente 1 hora e cuarto nun desprazamento que en coche se fai en 40 minutos”, informou o deputado do BNG.
“Nos orzamentos de 2021 o único investimento que contempla na comarca das Mariñas son uns claramente insuficientes 120 mil euros para este by-pass que custaría en total segundo os estudos entre 20 e 40 millóns de euros”, indicou.
Rexeneración ecolóxica da Ría de Betanzos
“Desde o ano 2012 que se reservara una pequeña partida nos orzamentos do Estado para esta rexeneración que quedou sen executar nunca se volveu saber do proxecto de rexeneración. Sería importante que se recollese unha cantidade para un estudo da situación da Ría e un proxecto de rexeneración da mesma”, explicou o deputado nacionalista.
Seguridade na N-651, soterramento do paso do tren en Oza-Cesuras ou melloras na AP-9
O BNG pediu tamén melloras na N-651 tanto ao seu paso por Betanzos, onde se converteu xa nunha vía urbana e se deberían executar estas obras antes de transferir a titularidade ao concello, como en Paderne con varios puntos conflitivos como Insua – no cruce que une o trazado da N-651 que ven de Betanzos coa AC-164 á saída da Ponte do Pedrido - ou Souto.
“Pedimos tamén que se reserve unha partida para o soterramento da liña de tren no centro de Oza, unha das promesas incumpridas da fusión entre os antigos municipio de Oza dos Ríos e Cesuras. Para o proxecto os orzamentos do Estado chegaron a reservar crédito nos anos 2015 e 2016 que nunca se chegou a executar”, indicou o portavoz nacionalista.