O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento para demandar de novo orzamento e prazos para o saneamento da Ría de Betanzos
O BNG reclamou no Parlamento a elaboración dun informe sobre a calidade da auga da Ría de Betanzos, a situación do saneamento e os puntos de vertidos, así como dun cronograma das actuacións previstas pola Consellería de Medio ambiente, Territorio e Vivenda para solucionar estas deficiencias.
Tamén na súa iniciativa esixe que a construción dunha depuradora nos concellos que actualmente carecen de depuración como é o caso de Paderne asumindo a correspondente partida nos orzamentos de 2021
Betanzos, 16 de novembro de 2020. O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento para demandar de novo orzamento e prazos para o saneamento da Ría de Betanzos. “A Ría de Betanzos leva anos agardando polo seu saneamento integral. A pesar de que a ría é Rede Natura 2000 e que se encontra en plena Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo, os vertidos seguen a producirse continuamente sen ningunha consecuencia”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.
“A propia Xunta de Galiza recoñece que ten puntos de verquido localizados nesta ría en diferentes concellos como Miño, Betanzos ou Bergondo. Tamén recoñece o incorrecto funcionamento das depuradoras existentes, a inexistencia de separación de pluviais e fecais, así como a carencia de tanques de tormentas que provoca problemas nas redes de saneamento nas épocas de choiva”, indicou a deputada nacionalista.
“Cómpre salientar o deficiente saneamento de concellos como o de Paderne, que carecen de sistema de depuración propio, xa que só contan con decantadoras, e aos verquidos das redes de saneamento ao mar hai que sumar os continuos verquidos de empresas e industrias aos ríos que desembocan na Ría de Betanzos”, engadiu Queixas.
Por todo isto o BNG reclamou no Parlamento a elaboración dun informe sobre a calidade da auga da Ría de Betanzos, a situación do saneamento e os puntos de vertidos, así como dun cronograma das actuacións previstas pola Consellería de Medio ambiente, Territorio e Vivenda para solucionar estas deficiencias. Tamén na súa iniciativa esixe que a construción dunha depuradora nos concellos que actualmente carecen de depuración como é o caso de Paderne asumindo a correspondente partida nos orzamentos de 2021.
O BNG pediu tamén a creación da Mesa da Ría de Betanzos na que estean representados colectivos medio ambientais, confrarías, representantes dos concellos e dos diferentes grupos políticos que integran as corporacións e técnicos de medio ambiente. Nesta mesa faríase un seguimento da calidade da auga da ría, dos verquidos que se producen e as consecuencias, así́ como do cronograma acordado pola Xunta para subsanar as deficiencias.
Repercusión no marisqueo