Alberte G. Nicolás, elixido novo responsábel comarcal do BNG das Mariñas

AC 13122024

Alberte G. Nicolás foi escollido como novo responsábel comarcal, dando así o relevo a Cristina López, que ocupou esta responsabilidade na última década

Alberte G. Nicolás: “O BNG comeza un novo ciclo nun dos seus mellores momentos”

Alberte G. Nicolás, elixido novo responsábel comarcal do BNG das Mariñas

Betanzos, 14 de decembro de 2024.- O BNG das Mariñas elixiu na tarde do venres a súa nova dirección comarcal dentro do proceso da XVIII Asemblea Nacional. Alberte G. Nicolás foi escollido como novo responsábel comarcal, dando así o relevo a Cristina López, que ocupou esta responsabilidade na última década.

O novo Consello Comarcal, recolle a pluralidade da organización así como cambios xeracionais coa participación de xente moza. Acompañan a Alberte G. Nicolás e Cristina López no grupo de dirección Henrique Abraira, Amelia Sánchez, Pura Ferreño, Blan García Roel, Estefanía Busto, Manel Pérez, Vanessa Rey, Sergio Boado, Carlos Díaz, María Bonome e Javier Vázquez aos que se sumará unha persoa en representación da mocidade de Galiza Nova.

O novo responsábel comarcal, Alberte G. Nicolás, quixo aproveitar a súa primeira intervención para agradecer a Cristina López todos os anos de traballo e dedicación a fronte da organización comarcal e asegurou que “é un pracer” poder seguir contando con ela no novo Consello Comarcal, xa que “ten moito que aportar e continúa a ser unha referencia para todas e todos na comarca”. Ademais, destacou que tomou este relevo con moita responsabilidade mais tamén con moita ilusión e a tranquilidade de que estará acompañado en todo momento pola nova dirección política.

Por outra banda, afirmou que o BNG “comeza un novo ciclo nun dos seus mellores momentos, non só no plano institucional”, en alusión ao medre organizativo dos últimos anos e que se marca como un dos obxectivos centrais “agrandar a base social do nacionalismo para seguir reforzando o BNG como alternativa política”, concluíu.

Neste senso, desde o BNG xa traballan coa vista posta nos procesos electorais das vindeiras Municipais de 2027 para o que “o BNG está agora no proceso de actualizar e reforzar en cada comarca os órganos de traballo”.

Alberte G. Nicolás, elixido novo responsábel comarcal do BNG das Mariñas