ORZAMENTOS XUNTA 2017

Pedimos 1,5 millóns para rexenerar a ría e 1 millón para as casas da Xunta no Casco Histórico

A responsábel do BNG na comarca das Mariñas, Cristina López, e o portavoz municipal das nacionalistas en Betanzos, Henrique del Río, presentaron as emendas aos orzamentos da Xunta para a comarca das Mariñas. “O PP deixaba fóra dos orzamentos as necesidades máis urxentes desta comarca, así que esperamos que apoien estas emendas, porque entendemos que axudarían a mellorar a calidade de vida e porque crearían traballo en sectores produtivos”

Pedimos 1,5 millóns para rexenerar a ría e 1 millón para as casas da Xunta no Casco Histórico

Betanzos, 2 de xaneiro de 2017. A responsábel do BNG na comarca das Mariñas, Cristina López, e o portavoz municipal das nacionalistas en Betanzos, Henrique del Río, presentaron as emendas aos orzamentos da Xunta para a comarca das Mariñas. “O PP deixaba fóra dos orzamentos as necesidades máis urxentes desta comarca, así que esperamos que apoien estas emendas, porque entendemos que axudarían a mellorar a calidade de vida e porque crearían traballo en sectores produtivos” explican.

López e Del Río explicaron que as emendas inclúen demandas “históricas” do nacionalismo nas Mariñas como o saneamento da ría ou a rehabilitación do Casco Histórico betanceiro. Así, relatan que as deputadas nacionalistas demandaron ao goberno do PP millón e medio de euros para a rexeneración integral da ría de Betanzos. “Está practicamente toda pechada ao marisqueo e a calidade das augas do baño é crítica”, recorda Cristina López.

Na mesma liña, o BNG reclama un millón de euros para a rehabilitación das vivendas que a Xunta posúe no Casco Histórico de Betanzos. “Levamos seis anos agardando a que a Xunta cumpla a súa palabra de levar adiante a súa rehabilitación”, explica Henrique del Río. Ademais, as deputadas do BNG demandan incluír 4 millóns de euros máis para as axudas das áreas de rehabilitación e outros catro para un programa de rehabilitación de vivendas en núcleos tradicionais e cascos históricos.

Segregar o aulario e rehabilitar o Vales Villamarín

As emendas do BNG inclúen tamén 680 000 euros desenvolver traballos de mantemento e rehabilitación no CEIP Vales Villamarín, construído na década dos 70. Ademais, demandan a segregación do aulario do Pasatempo para convertilo nun colexio de educación infantil independente.

Centro de día en Betanzos e xeriátrico público no Paraxón e melloras na sanidade pública

As deputadas do BNG demandan tamén que as contas galegas inclúan 200 000 euros para iniciar a reforma do vello ambulatorio de Betanzos para reconvertilo nun centro de día público. Unha cantidade igual piden que se destine ao inicio dos traballos que permitan abrir un xeriátrico público no sanatorio de Cesuras, cumprindo unha das promesas da fusión de Oza e Cesuras que seguen sen concretarse.

Ademais, as emendas presentadas polo BNG aos orzamentos da Xunta inclúen 100 000 euros para melloras no centro de saúde de Bergondo e outros 200 000 euros para a mellora da asistencia de pediatría na comarca das Mariñas.

Seguridade viaria e transporte público

O BNG demanda tamén unha partida para a mellora da seguranza viaria na AC-840 ao seu paso por Cesuras. Ademais, as deputadas do BNG pediron 5 millóns de euros para un plan galego de transporte público e outro tanto para poñer en marcha un ferrocarril galego de proximidades. “Permitirían vertebrar o territorio e comunicar a comarca á vez que se retiran vehículos particulares das estradas”, conclúe Cristina López.

 

Pedimos 1,5 millóns para rexenerar a ría e 1 millón para as casas da Xunta no Casco Histórico