O BNG cualifica de decepcionantes os orzamentos da Xunta para As Mariñas
O BNG-Asembleas abertas cualificou os orzamentos da Xunta para As Mariñas como decepcionantes. Estes orzamentos descoidan servizos básicos como a sanidade e o ensino na nosa comarca
Betanzos, 24 de outubro de 2015. O BNG-Asembleas abertas cualificou os orzamentos da Xunta para As Mariñas como decepcionantes. Estes orzamentos descoidan servizos básicos como a sanidade e o ensino na nosa comarca, explicou a responsábel do BNG das Mariñas, Cristina López. De novo non hai orzamento para mellorar o servizo de pediatría, como levamos anos pedindo, nin para melloras nos centros de saúde que, como no caso de Oza dos Ríos que acabamos de trasladar ao Parlamento, precisan investimento en acondicionamento indicou.
Non hai orzamento para rematar o saneamento, máis alá da depuradora que están construíndo na praia de Gandarío. Isto parécenos moi grave tendo en conta que hai unha directiva europea que obrigaría a ter completado o saneamento a finais deste ano 2015, indicou a nacionalista.
En xeral desde o BNG-Asembleas abertas cuestionan o abandono dos Concellos rurais da comarca como Irixoa, Coirós ou Aranga, sen investimentos desde hai anos. O PP tamén se desentende de Miño nos orzamentos da Xunta xa que non hai nin un euro para asumir os pagos das sentenzas de Costa Miño Golf, que deu por boa a Xunta do PP, lamentan.
Falta de investimentos na cabeceira comarcal
As nacionalistas tamén botan en falta investimentos na cabeceira comarcal. Non hai nada para rehabilitar e renovar a cuberta do CEIP Vales Villamarín, que é dos anos 70 e nunca se renovou, lamenta o voceiro do BNG-AA, Henrique del Río. Tampouco para construír o patio cuberto do novo aulario, unha demanda da comunidade escolar debido ás carencias con que a Xunta levantou o novo edificio, explica. E exixiremos novamente os fondos necesarios para segregar o aulario e convertilo nun colexio de educación infantil, avanzou.
Non hai nada para rehabilitar e renovar a cuberta do CEIP Vales Villamarín nin para construír o patio cuberto e independizar o novo aulario
Neste sentido, desde o BNG-AA lamentan que tampouco haxa fondos para construír un centro de día público na localidade. Feijóo prometera un centro de día público en cada concello de máis de 5000 habitantes e Betanzos segue esperando anos despois, recorda o edil nacionalista. O BNG sempre defendeu que Xunta, Estado e Concello se puxeran de acordo para rehabilitar o vello ambulatorio como centro de día público.
Tampouco hai ningunha partida territorializada para o Casco Histórico, explica Del Río. Os anuncios do PP non aparecen nas contas ou pretenden dicir que van incluídos en partidas xenéricas que poden ir ao Casco Histórico de Betanzos ou a calquera outra cousa e lugar, indica.