O BNG pediu completar o saneamento da Ría de Betanzos nas emendas aos orzamentos da Xunta
O BNG presentou as súas emendas aos orzamentos da Xunta para As Mariñas. Desde o BNG insistiron na necesidade de habilitar unha partida para completar o saneamento da Ría con diferentes praias pechadas ao baño na ría como O Regueiro, O Pedrido e este último verán durante varios periodos no verán tamén a de Gandarío en Bergondo.
Betanzos, 19 de novembro de 2015. O BNG presentou as súas emendas aos orzamentos da Xunta para As Mariñas. Desde o BNG insistiron na necesidade de habilitar unha partida para completar o saneamento da Ría con diferentes praias pechadas ao baño na ría como O Regueiro, O Pedrido e este último verán durante varios periodos no verán tamén a de Gandarío en Bergondo.
Hai mesmo unha cepa de hepatite C na ponte da autoestrada sobre a ría nos Concellos de Bergondo-Paderne que Xunta e Estado se negan a atallar, explicou Cristina López, responsábel do BNG das Mariñas, desde o BNG pedimos que se reserve unha partida para completar o saneamento nos diferentes concellos que verten á Ría de Betanzos. No ano 2015 remataba o prazo para ter saneamento en todos os concellos do País segundo a directiva marco da UE, mais nas Mariñas hai concellos enteiros sen depuración, só con decantadoras como Paderne, e verquidos directamente á Ría en maior ou menor medida en todos os Concellos.
Pola súa importancia sanitaria e polo seu interese económico para toda a comarca tanto a nivel de marisqueo e pesca como no sector turístico entendemos que é prioritario emprender esta rexeneración. Trátase ademais dun investimento que levamos anos reclamando, indicou Cristina López.
Desde o grupo do BNG tamén presentaron unha emenda para reclamar a gratuídade do servizo de comedor escolar nos colexios da comarca. O copago do servizo de comedor escolar e as privatizacións están provocando moitos problemas na nosa comarca. Os nenos e nenas que teñen concedido o servizo de comedor escolar e transporte están obrigados a pagar o comedor xa que non teñen transporte escolar para volver ás súas casas á hora a que finalizan as aulas e polo tanto teñen que facer uso do comedor e pagalo obrigatoriamente xa que non se duplica o horario dos autobuses, explicou a responsábel nacionalista. Reclamamos un servizo público de calidade.
Acondicionamento dos centros de saúde de Bergondo e Oza dos Ríos
Tanto o Centro de saúde de Oza dos Ríos como o de Bergondo están nun estado de conservación lamentábel. No caso de Bergondo con goteiras e problemas de humidade e no caso de Oza con problemas tan graves que mesmo chegamos a dubidar da seguridade do edificio. Pensamos que sería precisa unha partida para acometer as reparacións que precisan, concluíu Cristina López.
Posta en funcionamento do Centro de día de Miño e xeriátrico público no sanatorio de Cesuras
Nas emendas do BNG inclúense tamén partidas para a posta en funcionamento do Centro de día de Miño que leva pechado desde que se rematou a obra no ano 2009 e que contaría con prazas para 30 persoas. Pedimos 330 mil euros para apertura do Centro xa que a pesar do anuncio do PP na Xunta na precampaña das municipais segue pechado, indicou a nacionalista.
Desde o BNG, reclamaron tamén a rehabilitación do sanatorio de Cesuras e a súa apertura como xeriátrico público. É un servizo moi necesario nunha comarca cunha carencia absoluta de prazas, concluíu.