O BNG-Asembleas abertas organiza un ciclo sobre a memoria histórica
Co titulo de `O Miño rebelde: María Vázquez Suárez e Antón Crestar Faraldo´, este ciclo quere ser unha homenaxe a estas persoas representan o mellor do noso concello, un Miño rebelde que se enfrontou á ignorancia e ao medo, un Miño feminista e nacionalista que loitou por facer de Galiza unha terra máis libre e máis xusta"
Miño, 14 de outubro de 2015. O BNG-Asembleas abertas organiza un ciclo sobre a memoria histórica no noso Concello. Co titulo de `O Miño rebelde: María Vázquez Suárez e Antón Crestar Faraldo´, este ciclo quere ser unha homenaxe á María e Antón, explicou Olalla Barro, portavoz do BNG-Asembleas abertas en Miño. "Estas persoas representan o mellor do noso concello, un Miño rebelde que se enfrontou á ignorancia e ao medo, un Miño feminista e nacionalista que loitou por facer de Galiza unha terra máis libre e máis xusta".
Este ciclo dará comezo o vindeiro venres 16 de outubro ás 19 h. no local social da Rúa coa conferencia titulada "María Vázquez Suárez: estigmas en papel manila" na que intervirán Montse Fajardo, autora do libro Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu e Luís Bará, autor do blog Non des a esquecemento, sobre a Galiza represaliada e resistente.
En 1932 María Vázquez Suárez foi a primeira muller que falou nun acto político en Miño. En 1944 Antón Crestar Faraldo contribuirá á creación do Consello de Galiza para demostrar que, a pesar do xenocidio franquista, a nosa nación continuaba a ter voz propia. En 1936 un grupo de falanxistas saquea a casa de María Vázquez Suárez e fai unha fogueira cos seus libros. En 1984 Antón Crestar Faraldo doa a súa biblioteca ao concello de Miño con primeiras edicións de Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro ou Méndez Ferrín.
O vindeiro venres 23 de outubro, tamén as 19 h. continuará coa conferencia "O galeguismo no Uruguai. Antón Crestar Faraldo: da emigración ao exilio político" con Uxío-Breogán Diéguez, profesor da Universidade da Coruña e director da revista Murguía.