BNG urxe o Goberno a cumprir o acordado e impulsar a construción do baipás de Betanzos
Rego lembra que o BNG conseguiu no Acordo de Investidura o compromiso para que se leve a cabo esta infraestrutura en Infesta e se implanten as cercanías ferroviarias
Culminar o estudo entre A Coruña e Ferrol para a modernización da liña e garantir que o novo trazado minimice o impacto sobre a veciñanza, o que defende o BNG
Madrid, 16 de xaneiro de 2025. O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno do Estado maior compromiso para acelerar e impulsar a construción do baipás de Infesta, en Betanzos, como infraestrutura imprescindíbel e estratéxica para a mellora e modernización da liña ferroviaria entre A Coruña e Ferrol. Esta actuación, recollida no Acordo de Investidura conseguido polo BNG, precisa de maior implicación do executivo estatal, sobre todo da carteira de Transportes, para minimizar o impacto sobre a veciñanza co novo trazado e facilitar a implantación do servizo de proximidade ferroviaria na Galiza.
Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, realizou unha visita á estación de Betanzos Infesta acompañado polas portavoces do BNG nos concellos de Betanzos e Coirós, Amelia Sánchez e Pura Ferreño, o responsábel comarcal da organización e voceiro en Miño, Alberte G. Nicolás; a anterior responsábel comarcal, Cristina López e a responsábel local do BNG en Betanzos, María Bonome.
O estudo informativo, que acaba de pasar o trámite de exposición pública, e a execución do baipás de Betanzos Infesta está recollido no Acordo de Investidura conseguido polo BNG. Esta infraestrutura, imprescindíbel para a modernización da liña ferroviaria e chave para a redución de tempos de viaxe entre A Coruña e Ferrol, precisa “acurtar os tempos de tramitación” e “impulsar a súa execución”.
“Grazas ao BNG, despois de que esta liña ferroviaria non tivese melloras substanciais desde a súa construción a comezos do século pasado, conseguiuse o compromiso do Goberno para a súa modernización e mellora, así como a construción do baipás de Betanzos” lembra o deputado do BNG. Mais, o estudo informativo que acaba de pasar o trámite de exposición pública recolle prazos de execución de 24 meses o que, para a organización nacionalista, son excesivos.
En opinión do deputado do BNG no Congreso, o Goberno debe asumir maior compromiso con esta obra estratéxica e chave para a mobilidade da cidadanía galega e acurtar os tempos de execución. “Dentro da imprescindíbel modernización é moi importante a construción do baipás de Betanzos Infesta, que contribuiría a reducir os tempos de viaxe entre A Coruña e Ferrol” subliña Rego.
As alegacións do BNG
Por outra parte, o deputado sinala que o BNG defende que se garanta que no novo trazado se minimice o impacto sobre a veciñanza, tanto sonoro como de vibracións, co que deberá preverse a instalacións de barreiras de protección acústica ou calquera outro medio técnico que poida ser útil.
“Deberán preverse que as obras a realizar xeren a mínima interacción posíbel co resto de infraestruturas viarias, tanto para a circulación de vehículos como de peóns, mellorando a integración no territorio da infraestrutura ferroviaria” demanda Néstor Rego.
Implantar o servizo de cercanías ferroviarias
Alén disto, o deputado do BNG quixo pór en valor outra medida conseguida pola organización nacionalista durante a negociación mantida co PSOE para o Acordo de Investidura: rematar coa discriminación que sufría a Galiza a respecto da mobilidade por tren e implantar as cercanías ferroviarias. “O Acordo recolle o compromiso de implantar durante esta lexislatura o servizo de proximidade ferroviaria na Galiza, a comezar polas áreas da Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra, polo que obras como da que estamos a falar cobran maior importancia” destaca Rego.