BNG reclama ao Goberno denegar a autorización para a construción do parque eólico Satrebares

Néstor Rego exixe ao MITECO rexeitar o Estudo de Impacto Ambiental do proxecto de 125MW de potencia e a súa estrutura de evacuación que afecta a Guitiriz, Monfero, Abegondo, Aranga, Curtis e Oza-Cesuras
“É incompatíbel co mantemento dos valores ambientais, patrimoniais, socioeconómicos e paisaxísticos do territorio en que se vai a implantar” sinala Rego
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) ergue, máis unha vez, a súa voz contra a ameaza que se cerne sobre a paisaxe e o patrimonio cultural e natural da Galiza con firmeza e convicción. A organización nacionalista exixe ao Goberno denegar a autorización para a construción do Parque Eólico de Satrebares, un macroproxecto de 125MW promovido pola empresa Maracaibo, SLU, que afectaría aos concellos de Guitiriz, Monfero, Abegondo, Aranga, Curtis e Oza-Cesuras. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda ao MITECO rexeitar o Estudo de Impacto Ambiental pola súa incompatibilidade co mantemento dos valores ambientais, patrimoniais, socioeconómicos e paisaxísticos do territorio en que se vai a implantar.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantén un encontro coa veciñanza ameazada pola implantación deste macroproxecto eólico para trasladarlle as iniciativas rexistradas e impedir esta instalación. Rego, acompañado polos deputados do BNG no Parlamento de Galiza, Xosé Manuel Golpe Acuña e Montse Valcárcel, o portavoz de Abegondo da organización, Blan García Roel, o responsábel comarcal das Mariñas, Alberte G. Nicolás, e os concelleiros en Guitiriz, Mónica Roca e Afonso Losada.
O pasado 4 de xaneiro, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicaba o anuncio da Delegación do Goberno na Galiza sometendo a información pública a solicitude de autorización do proxecto. Mais, segundo advirte o BNG, o estudo de impacto ambiental presentado pola promotora "fecha os ollos" ante as consecuencias que este parque eólico suporía. "Non se pode permitir que o interese privado prevaleza sobre o ben común” afirma o deputado do BNG.
"Non falamos dunha instalación illada, senón dun macroparque encuberto" sinala Néstor Rego. A fragmentación na avaliación ambiental impide comprender a verdadeira magnitude desta ameaza, que se acumula sobre un territorio xa castigado. Ademais, case a metade dos aeroxeradores incumpren a distancia mínima legal respecto dos núcleos de poboación, vulnerando a Lei 8/2009 do 22 de decembro.” Tamén se advirte que parte das infraestruturas se localizan en zonas expresamente excluídas para a implantación eólica, en contra da Lei autonómica 9/2021” subliña o deputado do BNG no Congreso.
"Como se pode falar de sustentabilidade cando se pon en risco especies vulnerábeis como a gatafornela ou o millafre?" pregunta retoricamente Néstor Rego. Ademais, engade o deputado nacionalista, numerosas especies de morcegos protexidos verán alterado o seu hábitat, sen que se adopten medidas correctoras eficaces. E non só iso: "A auga, o noso recurso máis prezado, verase afectada pola alteración do microclima e a modificación das fontes que abastecen as poboacións locais" denuncian.
No eido patrimonial e socioeconómico, o deputado do BNG advirte das graves repercusións que traerá este proxecto. "Non podemos aceptar que a nosa historia e a nosa identidade sexan sacrificadas en nome do colonialismo verde" afirma Rego. O impacto na paisaxe, a alteración do turismo sustentábel e o dano irreversíbel sobre as actividades agrarias e forestais tradicionais son razóns de peso para deter esta agresión ao territorio, enumera o deputado nacionalista.
E, sobre a empresa promotora, Maracaibo Solar, S.L.U., cuxa solvencia financeira resulta, cando menos, cuestionábel, o BNG lanza unha advertencia: "Como pode unha sociedade cun capital social de 3.000 euros afrontar un proxecto de máis de 120 millóns? O cheiro a especulación é insoportábel" finda Rego.
Ante esta situación, a frente nacionalista reclama ao Goberno a denegación inmediata da autorización para a construción do parque eólico Satrebares. Así mesmo, urxe a paralización de todos os proxectos eólicos en tramitación ata que se realice unha valoración conxunta e rigorosa do desenvolvemento eólico na Galiza.
“É necesaria a elaboración, en colaboración coa Xunta de Galiza, dunha planificación eólica sustentábel baseada en criterios de equilibrio, racionalidade e respecto polo noso patrimonio natural e cultural” sentenza Rego.