Consideramos que os orzamentos da Xunta non dan resposta a ningunha das necesidades das Mariñas

Consello das Mariñas

“O saneamento da ría tiña que estar rematado na súa totalidade ao acabar 2015 e vemos que tampouco será en 2017 cando se finalice”

Del Río: “as contas non prevén fondos para seguir coa rehabilitación das casas no Casco Histórico”

Consideramos que os orzamentos da Xunta non dan resposta a ningunha das necesidades das Mariñas

Betanzos, 9 de decembro de 2016. O BNG valorou que os orzamentos da Xunta “deixan sen solución todos os problemas da comarca das Mariñas”. Desde a organización comarcal, as nacionalistas consideran que as melloras nas captacións de auga en Aranga, Betanzos e Oza-Cesuras (950 000 euros) e amaño do saneamento en Coirós e Abegondo (350 000 euros) son insuficientes para sanear a totalidade dos ríos e a ría que atravesan e vertebran a comarca. “O saneamento da ría tiña que estar rematado na súa totalidade ao acabar 2015 e vemos que tampouco será en 2017 cando se finalice”, lamenta a responsábel do BNG na comarca das Mariñas, Cristina López.

“A outra partida que figura para esta comarca é para abrir o centro de día de Miño, que leva anos pechado e estragándose”, explican desde o BNG. “Nin que a atención á poboación dependente e aos maiores da comarca se solucionase coas 30 prazas que a Xunta anunciou para este centro hai un ano”, ironiza. As nacionalistas recordan que Núñez Feijóo prometera acabar o seu primeiro mandato con centros de día públicos en todos os concellos de máis de 5000 habitantes.

Desde o BNG lamentan que o goberno galego tampouco contemple como prioridade a mellora do servizo de pediatría na comarca a pesar dos problemas e carencia de facultativos en todos os municipios das Mariñas. “Malamente van fixar poboación os concellos rurais se non hai uns servizos nin parecidos aos que teñen as áreas urbanas”, censura Cristina López.

Del Río: “as contas non prevén fondos para seguir coa rehabilitación das casas no Casco Histórico”

As nacionalistas censuran que as contas do PP deixen novamente sen cartos a rehabilitación das once vivendas que a Xunta posúe no Casco Histórico de Betanzos. “Logo de seis anos de promesas parece que van amañar tres agora, mais a este ritmo para amañar as once precisaranse máis de quince anos”, ironiza o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Desde o BNG cuestionan que tampouco haxa cartos para a reforma integral que precisa o CEIP Vales Villamarín ou para convertir o aulario do Pasatempo nun centro de educación infantil independente. Por este motivo, as nacionalistas traballan xa nas emendas que presentarán ás contas para atender as necesidades da comarca. A tal fin, recollerán as propostas da veciñanza.
 

Consideramos que os orzamentos da Xunta non dan resposta a ningunha das necesidades das Mariñas