Cristina López: Ningunha das necesidades da comarca das Mariñas é atendida con estas contas
O BNG cualificou de rácano e miserábel o proxecto dos orzamentos da Xunta para 2015 que o PP entregou ao Parlamento de Galiza. Ningunha das necesidades da comarca das Mariñas é atendida con estas contas
Betanzos, 21 de outubro de 2014. O BNG cualificou de rácano e miserábel o proxecto dos orzamentos da Xunta para 2015 que o PP entregou ao Parlamento de Galiza. Ningunha das necesidades da comarca das Mariñas é atendida con estas contas, denuncia a responsábel do BNG na comarca, Cristina López. Nin o saneamento da ría, nin a súa rexeneración, nin melloras nos servizos asistenciais nin nada de nada, engade.
Así, os nacionalistas cuestionaron que só figuren 19 999,99 euros para a rehabilitación das vivendas que a Xunta mercou no Casco Histórico de Betanzos en 2010. Se os 48 699 euros que puxeron e non gastaron en 2014 nos parecían ridículos, o destas contas pasa amplamente de ser un escarnio ao pobo de Betanzos, asegurou Henrique del Río, responsábel de política institucional do BNG na comarca e voceiro en Betanzos.
A falta de interese da Xunta no tema é directamente proporcional á publicidade que lle deron en campaña electoral á compra das casas, denuncia Del Río. Igual por certo que o goberno local do PSOE, que desde aquela anda a voltas coa falta de investimento do PP pero nós non vimos unha partida en ningún dos orzamentos municipais que fixo o PSOE para rehabilitar o Casco, lamenta o edil nacionalista. De feito todos sabemos que a única medida do PSOE en relación ao Casco Histórico foi permitir estacionar en todas as prazas e rúas peonís que había, remachou.
Os nacionalistas calificaron a falta de interese da Xunta no Casco Histórico de Betanzos como directamente proporcional á publicidade que lle deron en campaña electoral á compra das casas
Do mesmo xeito, desde o BNG cuestionan que a Xunta teime en investir 1,2 millóns de euros na depuradora de Gandarío. Varios departamentos da Xunta emitiron informes en contra desta obra polo seu impacto nos bancos marisqueiros da ría e a pesar desto o PP turra coa obra explica Cristina López.
As contas conteñen, ademais, a eterna promesa da escola infantil de Oza dos Ríos e Cesuras, indicou Del Río. A ver se é verdade que desta vai e a ver se ten alumnado din os nacionalistas, que sosteñen que que se fusione ou non un Concello non é criterio para facer unha escola infantil, haberá que facela se é precisa.
A Xunta prevé investir 296.597 euros nun camiño entre Oza e Cesuras que non aporta nada á veciñanza dos concellos e que só valerá para que o alcalde lle poña o seu nome a unha avenida, indicou. Son apenas 3 km de camiño, sae a cousa case en cen mil euros o kilómetro máis a parte que correspondería pagar ao Concello, semella que todo neste Concello ten que ter sobrecoste, ironizou.
Os nacionalistas lamentan que coas graves carencias que hai na comarca a nivel educativo, sanitario, ambiental e laboral a prioridade do PP sexa pavimentar un camiño entre Oza e Cesuras para maior gloria da súa fracasada fusión.
Para o PP os concellos rurais só existen se se fusionan
Os nacionalistas denuncian que para a maior parte dos Concellos do rural betanceiro non figura un só euro de investimentos. Nin Irixoa, nin Coirós, nin Paderne, nin Aranga levan un só euro, só existen para a Xunta se se fusionan, ironizou Cristina López.
Debe ser que a poboación rural é de segunda e non merece os mesmos servizos que quen resida nunha vila, denuncian os nacionalistas. Só Oza e Cesuras e por fusionarse para maior gloria de Rueda, ironizan. Coirós ten o centro de saúde que dá pena e sen embargo non figura un só euro para amañar as súas deficiencias, denuncian. O servizo de pediatría no rural deixa moito que desexar pero tampouco recibe un só euro, para o PP está antes un camiño de 3 km, hai moita obra para facer clientelismo pero en servizos basicos nada, conclúen.